Skip to main content

Estalmat-Galicia reúne por primeira vez as súas dez promocións de estudantes e egresados

Estalmat-Galicia reúne por primeira vez as súas dez promocións de estudantes e egresados
Estalmat-Galicia reúne por primeira vez as súas dez promocións de estudantes e egresados
O encontro E4G-2017 terá lugar este sábado en Matemáticas

A Facultade de Matemáticas será este sábado 15 o escenario do encontro das dez promocións do programa de estímulo do talento matemático que xa cursaron polo menos un curso. Con motivo da celebración dos dez anos de implantación de Estalmat-Galicia, durante toda a xornada os máis de 70 estudantes que asisten participarán en diversas actividades lúdico-matemáticas.

O programa de E4G-2017 comezará ás 10.00 horas co acto de benvida no que participará a coordinadora xeral do programa e decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón; o comité organizador, e os docentes Victor Pollán, responsable do Campamento Matemático, e Teresa Otero, responsable do estudo de egresados de Estalmat.

A partir de aí comeza a xornada de xogo, que consistirá en batallas matemáticas de orixe rusa, nas que competirán equipos formados por diferentes promocións, que deberán retarse cos problemas preparados seguindo as normas, que son un algoritmo matemático moi lúdico. O equipo gañador coñecerase ás 16.00 horas, e será o propio reitor Viaño, presidente de Estalmat-Galicia, quen lles faga entrega das acreditacións.

O encontro, que tamén contempla un xogo de rol, rematará ás 19.00 horas coa presentación das fotografías da xornada e a entrega por parte da Asociación Galega de Amigos de Estalmat-Galicia dos agasallos aos premiados do Open Matemático do programa deste curso. Nesa entrega participarán os docentes mencionados e a coordinadora das familias do programa, Covadonga Rodríguez-Moldes

O comité organizador deste encontro está formado por catro egresadas e outros tantos egresados. Así, do Grao de Matemáticas da USC forman parte Alicia Seijas Vázquez, Bárbara Rodríguez Presedo, Elena Blanco González e Fernando Castro Prado; Iago Velasco López, de Ciencias Políticas e da Administración da USC; Luis Antonio López Valcárcel, de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo; Luis Cobas Concheiro, de Enxeñaría Informática da UDC, e Marina López Seoane, do dobre grao de Matemáticas e Física da Universidade de Oviedo.

O Proxecto ESTALMAT-España está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia y Tecnología e cun específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.

The contents of this page were updated on 07.14.2017.