Estudan en Filosofía o novo modelo de especialización leiteira que chegou coa Revolución Verde
O grupo Histagra, en colaboración co CNRS, desenvolve este venres 15 na Facultade de Filosofía o seminario ‘Da innovación campesiña a un modelo de especialización leiteira baixo a Revolución Verde: Europa no século XX’. O encontro dará comezo no seminario 108 ás 9:00 horas cunha presentación a cargo dos coordinadores, Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas.
A profunda crise pola que atravesaba a gandería bovina no fin da Segunda Guerra mundial comezou a remitir na década de 1950, cando se inicia un modelo de innovación agraria que buscaba garantir o fornecemento alimentario da poboación. A Revolución Verde obrigou ás explotacións a incorporar innovacións tecnolóxicas a grande escala: importación de exemplares seleccionados de razas con altas capacidades produtivas; inseminación artificial; circuítos de muxidura mecánica ou ensilado.
Ese cambio obrigado de escala é o que explica a especialización leiteira das ganderías. Neste contexto, segundo os organizadores, a agroindustria consolídase como o actor chave que impón a dirección do proceso de especialización produtiva e monopoliza a intermediación na relación dos gandeiros cos seus mercados.
Para analizar o novo rol dos gandeiros dentro do complexo funcionamento do sistema produtivo organízanse estas xornadas, que ao longo de todo o día porán o foco en cuestións como as transformacións hixiénico-sanitarias derivadas da especialización ou os modelos de produción láctea en Galicia desde o punto de vista da sustentabilidade.