A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC publica o número 40 da revista Fonseca
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) acaba de editar un novo número da súa revista anual de Fonseca. Abre esta nova edición, a número 40 da colección, a nova dun proxecto singular impulsado pola entidade en colaboración co Concello de Santiago e patrocinio de Finsa, consistente na rotulación de 71 árbores senlleiras da Alameda compostelá. Entrevistas co reitor da USC, Juan Viaño, e cos rexedores de Santiago e Lugo, Martiño Noriega e Lara Méndez, aparecen igualmente destacados, xunto coas seccións habituais dos aniversarios das promocións, axenda de eventos e as novidades editoriais da USC.
Artigos arredor do concepto de UniverCidade asinado polo secretario xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros, os estudos filosóficos, por Ignacio Castro; ou sobre Down Compostela como firma institucional convidada, dan corpo á revista, que tamén recolle a homenaxe ao catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío así como ao acto de entrega do Premio de Relato Curto patrocinado polo Instituto Policlínico La Rosaleda.
Pechando o novo número, a contraportada mostra unha imaxe da igrexa da Compañía obra de Joaquín González Dorao incluída no libro Guía ilustrada das Igrexas de Santiago de Compostela, co editado este ano polo Consorcio de Santiago e El Patito Editorial. A revista tamén poder consultarse e descargarse no enderezo web de Alumni USC.