O proxecto Sola impartirá en xaneiro unha xornada gratuíta de formación para persoal técnico de emprendemento

A USC acollerá o vindeiro 11 de xaneiro unha xornada gratuíta de formación dirixida a técnicos de oficinas de transferencia e emprendemento, co obxectivo de mellorar as súas capacidades á hora de apoiar a creación e o crecemento de empresas de base tecnolóxica. A xornada celebrarase durante o evento de peche do proxecto internacional SOLA (Spin-Off Lean Acceleration), co-financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. Impartiranse de forma simultánea os catro módulos do itinerario formativo deseñado no marco de SOLA: ‘Finanzas para emprendedores universitarios’; ‘Lean Canvas e redefinición estratéxica’; ‘Propiedade industrial e intelectual’ e ‘Internacionalización de empresas universitarias’.
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a sabela.lopez [at] usc.es (sabela[dot]lopez[at]usc[dot]es) cos seus datos (nome e apelidos, cargo e institución ou empresa onde desenvolven o seu traballo) e o título do módulo formativo ao que desexan asistir. As prazas son limitadas, polo que é recomendable sinalar un segundo módulo, que será asignado no caso de que o de preferencia estea completo. A xornada formativa celebrarase en horario de 9.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas no Edificio Emprendia (Campus Vida).
SOLA
O Proxecto SOLA está liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e suma a experiencia e o coñecemento de oito universidades de Europa e América latina. Participan tamén no consorcio de SOLA a Universidad Autónoma de Madrid, a Universidade do Porto (Portugal), a Universitá della Calabria (Italia), a consultora europea Devalar e a rede universitaria RedEmprendia. Desde América Latina están presentes dúas universidades colombianas -a de Antioquia e a Universidad EAFIT- e dúas brasileiras -a de São Paulo e a Estadual de Campinas-, xunto coa Fundação de Desenvolvimento da Unicamp (FUNCAMP).
SOLA é un proxecto internacional cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración de spin-off e startups baseadas no coñecemento. Nos diferentes módulos abórdanse cuestións estratéxicas para o desenvolvemento de spin-off e startups universitarias, tales como propiedade intelectual, internacionalización, finanzas para emprendedores, certificacións de calidade, redefinición estratéxica ou a metodoloxía lean startup.