Skip to main content

Veterinaria investiga a incidencia da raza na acumulación de metais tóxicos e esenciais en tenreiros de cebo

De esquerda a dereita, Marta López-Alonso, Patricia Carbajales, Marta Miranda e Víctor Pereira
De esquerda a dereita, Marta López-Alonso, Patricia Carbajales, Marta Miranda e Víctor Pereira
Paloma Carbajales achega na súa tese de doutoramento respostas sobre os efectos da suplementación mineral

A incidencia da raza na acumulación de metais tóxicos e esenciais en tenreiros de cebo e a conseguinte determinación das necesidades reais de suplementación mineral na súa alimentación centran a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a asturiana Patricia Carbajales Álvarez na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC baixo o título ‘Efecto da raza na acumulación de metais tóxicos e esenciais en tenreiros de cebo’.

A investigación de doutoramento desenvolvida por este veterinaria, especializada en clínica de grandes animais na provincia de Lugo, e dirixida polos profesores da Facultade de Veterinaria de Lugo Marta López-Alonso, Marta Miranda e Víctor Pereira, responde á necesidade de coñecer a pertinencia ou non de suplementación mineral dos tenreiros en función da súa raza, a fin de evitar aportes excesivos que poidan ter un impacto negativo no medio ambiente. O estudo realizado por Carbajales Alonso na súa tese constitúe asemade unha resposta para profesionais da gandería galega respecto dos efectos da suplementación mineral e sobre a súa acumulación nos diferentes tecidos en función da raza empregada para a produción de carne en intensivo en Galicia (Frisón, Rubia Galega ou os seus cruces).

Carbajales Alonso recolle na súa tese tres estudos complementarios. Na primeira destas pescudas, a autora desta investigación procedeu a analizar a concentración de oligoelementos nos tecidos das diferentes razas, observando uns niveis de cobre superiores aos recomendados, sobre todo en tenreiros frisóns, que tamén mostraban no músculo niveis superiores de minerais. Ante a posibilidade de que tales resultados poidan responder ás diferenzas na masa muscular existentes entre as diversas razas ou á diferente actividade hepática, esta investigación completouse con outros dous experimentos.

Daquela, esta investigadora estudou nunha segunda liña de traballo as diferentes concentracións de oligoelementos en función do perfil (glicocítico ou oxidativo) dos músculos. Neste caso, comprobouse como o tipo de músculo e a raza inflúen na concentración dos minerais. Esta incidencia está relacionada probablemente co grao de hipertrofia muscular en razas moi musculadas, como pode ser o caso da Rubia Galega.

Para valorar a influencia da raza asociada á diferente actividade hepática entre razas cárnicas (Rubia Galega) ou de leite (Frisón), no marco desta investigación tamén se estudou a distribución subcelular do cobre hepático en tenreiros, ao tempo que se comprobou a baixa capacidade dos bóvidos para excretar cobre pola bile, un feito que posibilita que teñan unha maior acumulación no fígado, sobre todo en razas leiteiras, que teñen un maior metabolismo hepático.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo formado por tres expertos no ámbito da produción e medicina bovina. O profesor do Departamento de Medicina, Ciruxía e Anatomía Veterinaria da Universidade de León, José Ramiro González Montaña, actuou como presidente do xurado. A xefa de sección do Departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Carmen Calvo Santalla, e o profesor asociado de Ciencias da Saúde LOU do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Lucas Rigueira Rey, completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación académica á tese de doutoramento presentada por Paloma Carbajales Álvarez.

The contents of this page were updated on 12.26.2017.