Skip to main content

O Consello de Goberno aprobou o Plan Estratéxico do Campus Cidadanía

“Na expresión ‘Campus da Cidadanía’ reflíctese a decidida vontade da USC, do seus consellos de Dirección e de Goberno, de dotar á comunidade universitaria galega dunha nova articulación institucional, científica e académica dos seus saberes, con especial énfase no quefacer que promoven as áreas de coñecemento que inscriben o seu labor nas Ciencias Sociais e Xurídicas, nas Artes e a Humanidades”. Estas liñas definen o punto de arranque do Plan Estratéxico do Campus da Cidadanía aprobado este venres en Consello de Goberno. O documento constitúese como “piar fundamental no deseño e a concreción das iniciativas que se promovan no seu nome”. Neste senso, o da Cidadanía será un novo campus de especialización “outro modo de articular a docencia e a investigación” así como de fortalecer a súa implicación coas demandas sociais actuais.

Coa creación deste campus, a USC aspira a converterse nun referente nacional e internacional no desenvolvemento da cultura docente e do quefacer investigador nas Ciencias sociais e xurídicas, nas Artes e humanidades. Deste xeito, o Campus “ademais de contribuír á creación e transmisión dos seus coñecementos e á formación científico-técnica da sociedade” constituirá “un soporte fundamental no desenvolvemento da sensibilidade ética e moral e todas as persoas que participan no cotiá das súas prácticas científicas, académicas e institucionais.

Como puxo de manifesto o comisionado para este Campus, o profesor José Antonio Caride durante a presentación do documento ante o Consello de Goberno, a USC está ante un proxecto interdisciplinar, inclusivo, plural, pedagóxico, cívico e “no que nos necesitamos todos”, unha “ nova oportunidade de ensinar e aprender”. Do mesmo xeito reivindicou o seu valor como “unha ocasión para que podamos construír unha universidade que se coñeza mellor así mesma” e, de xeito fundamental, para contribuír a facer unha sociedade mellor. Na súa opinión este será un “campus inclusivo, no que están convocadas a sentirse partícipes todas as áreas de coñecemento, como un espazo-tempo aberto ao mundo, congruente cos modos máis estimables de ser e facer universidade”.

A creación e futuro desenvolvemento deste Campus da Cidadanía insírense nas múltiples e diversificadas actuacións que se veñen promovendo na USC nos últimos anos consonte aos seus Estatutos e noutras disposicións normativas como as contempladas no Plan Estratéxico 2011-2020 ou na Programación Plurianual 2015-2018.

Outros puntos
Outros asuntos tratados nesta xuntanza do órgano colexiado foron a Normativa de Planificación Académica Anual para o vindeiro curso, a Oferta Pública de Emprego do PAS de 2017 ou a proposta de instrución par a formulación da oferta de prazas da convocatoria do programa Ramón y Cajal. Tamén se inclúan na orde do día os criterios e calendario para a presentación de novas propostas e modificación de titulacións de grao, mestrado e programas de doutoramento para 2019-2020 ou o Plan para a docencia de calidade en lingua estranxeira (LEDUS), entre outras cuestións.

The contents of this page were updated on 12.01.2017.