Obradoiros de café e turrón no marco do proxecto USC sostible

No marco do proxecto ‘USC sostible. Comercio xusto, ciclos curtos de distribución e consumo responsable’,a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC xunto coa Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea organizan un ciclo de obradoirosgratuítosvinculados ao comercio xusto.
O primeiro será este sábado 9 na Aula do Mercado de Abastos de Santiago, un dos puntos xeradores de comercio local, de proximidade e onde tamén se distribúe comercio xusto internacional e ecolóxico. Da man da barista Maica Couto, as persoas asistentes poderán gozar dun obradoiro e dunha cata de café e asistir a unha exposición de Solidariedade Internacional de Galicia. Xa o luns 11 haberá outro obradoiro de elaboración do turrón de forma artesán e a partir de produtos de comercio xusto e sostibles a cargo de Pilar Riveiro.
Están previstos ademais outros obradoiros de elaboración de queixo e de xabón. As persoas interesadas en participar en calquera dos catro deben inscribirse previamente no correo plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es).
A USC conta cunha longa bagaxe cara á inclusión do comercio xusto dende o punto de vista da xestión. Dende o 2016 o proxecto USC Sostible, financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, aborda a temática dende tres eixos fundamentais como son o comercio xusto en sentido tradicional, o comercio de proximidade e a formación para o consumo responsable.