Skip to main content

O Valedor da Comunidade Universitaria presentou o seu informe no Claustro

O Valedor da Comunidade Universitaria presentou o seu informe no Claustro
O Valedor da Comunidade Universitaria presentou o seu informe no Claustro

O Valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz, presentou esta mañá no Claustro o informe da súa xestión correspondente ao pasado curso 2016-2017, no que se rexistraron un total de 59 queixas, na súa meirande parte tramitadas no prazo dun mes.

As queixas, maioritariamente presentadas por estudantes, abranguen sobre todo cinco temas recorrentes. Dende o proceso de matrícula e os procedementos de xestión académica ata cuestións relacionadas co terceiro ciclo, posgrao e formación continua, pasando por consultas sobre avaliación académica ou do ámbito laboral, neste último punto relacionadas con diferentes procedementos que afectan á situación do PDI. Os planos de estudo e recoñecementos é outro dos temas.

Para Alcaraz, “un dos obxectivos desta institución é que as accións emprendidas estean sempre presididas polo espírito de colaboración para solucionar ou mellorar os problemas e disfuncionalidades que se poidan detectar”. De aí que na súa presentación agradecese, “máis alá do mandato normativo”, o compromiso de toda a comunidade universitaria pero especialmente “a dedicación e colaboración dos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor”.

Desenvolvemento estatutario
Na mesma sesión debatéronse e aprobáronse as propostas de bases de certas materias estatutarias que esixían un desenvolvemento e que son as referidas ás obrigas e o rexistro de intereses dos seus altos cargos, á creación e funcionamento de estruturas universitarias de docencia e investigación e á realización polo PDI de traballos científico, técnico, humanístico ou artístico, así como de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación.

The contents of this page were updated on 12.12.2017.