Skip to main content

Recital de órgano de Marta López Fernández na Igrexa

Recital de órgano de Marta López Fernández na Igrexa
Recital de órgano de Marta López Fernández na Igrexa

O órgano da Igrexa da Universidade volverá soar este mércores 20 da man da artista compostelá Marta López Fernández. No recital, ás 20:00 horas e con entrada libre, interpretará pezas dos séculos XVI e XVII obra de, entre outros, William Byrd, Antonio de Cabezon, Jan Pieterszoon Sweelinck, Pablo Bruna, Henry Purcell ou Joan Cabanilles.

A organista e clavecinista Marta López traballa na actualidade en Londres como especialista en música antiga. Convidada recentemente como artista residente na casa museo Handel&Hendrix, formou parte do proxecto MusaE organizado polas Xuventudes Musicais de España, presentando un programa de clavecín só no Museo Nacional de Artes Decorativas.

O seu interese polos instrumentos de teclado históricos levouna a realizar concertos en importantes coleccións como as de Fenton House, Hatchlands Park, Horniman Museum e Handel House. Premiada en dúas ocasións coa Guildhall Artist Fellowship do Departamento de Musica Antiga da Guildhall School of Music & Drama, Marta López estudou clavecín e órgano con James Johnstone e Carole Cerasi.

Comezou os seus estudos de órgano na súa cidade natal da man de Bruno Forst, especializándose no repertorio ibérico. Ademais, asistiu á Academia de Órgano de Smarano e participou en master classes impartidas por Menno van Delft, Richard Egarr e Olivier Baumont, entre outros.

Ademais da súa faceta solista, Marta colabora a miúdo con diversas orquestras e ensembles en producións de ópera, oratorio e música de cámara. Grazas a este interese polo labor de continuo foi convidada a participar na academia da prestixiosa orquestra Age of Enlightment. Cabe destacar, ademais, actuacións xunto con Academy of Ancient Music, Eboracum Ensemble, Alba Consort e The Little Orchestra. Traballou cos directores John Butt, Pavlo Beznosiuk e Eamonn Dougan, entre outros.

The contents of this page were updated on 02.18.2019.