O XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo aborda esta semana en Lugo a FP Dual
O XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo, un foro promovido polo Grupo galego de Estudos para a Formación e a Inserción Laboral (Gefil) da USC e o Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, abordará esta semana na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra os resultados xa acadados, así como as perspectivas e os futuros desafíos da Formación Profesional (FP) Dual.
Co título ‘ Formación Profesional Dual: Dúos ou duetos?’, este congreso pretende facer visible e poñer en valor a realidade conceptual, normativa e práctica dos contextos da Formación Profesional Dual en Galicia e Portugal, ademais de debater acerca das relacións permanentes e/ou ocasionais da escola e a empresa, do intercambio dos saberes, da súa construción conxunta de coñecemento, da implicación das dúas na preparación das persoas para o desempeño das actividade produtivas recoñecidas como traballo e do impacto no mercado laboral e na sociedade.
O congreso ‘Formación Profesional Dual: Dúos ou duetos?’ pretende asemade reflexionar sobre a necesidade temperá de anticipar algunhas melloras que precisa a formación profesional dual nos distintos contextos nos que se desenvolve con este ou outros nomes, focalizar sobre a súa dimensión sociocultural, así como sobre aspectos centrados en como contribúe ao emprego das persoas.
Estruturado en tres xornadas, desde o xoves 19 ata o sábado 21, este foro internacional que por vez primeira fixa a súa sede no campus de Lugo, conta entre os seus relatores con profesores e investigadores procedentes de universidades lusas e españolas, así como con docentes de centros de ensino nos que xa se está implantada a FP Dual e representantes de empresas.