A FP Dual, a debate en Lugo no XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo
O XIX Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo, un foro promovido polo Grupo galego de Estudos para a Formación e a Inserción Laboral (Gefil) da USC e o Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, aborda desde este xoves na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC os resultados xa acadados, así como as perspectivas e os futuros desafíos aos que se enfronta a Formación Profesional (FP) Dual.
Co título ‘ Formación Profesional Dual: Dúos ou duetos?’, este congreso pretende facer visible e poñer en valor a realidade conceptual, normativa e práctica dos contextos da Formación Profesional Dual en Galicia e Portugal, ademais de debater acerca das relacións permanentes e/ou ocasionais da escola e a empresa, do intercambio dos saberes, da súa construción conxunta de coñecemento, da implicación das dúas na preparación das persoas para o desempeño das actividade produtivas recoñecidas como traballo e do impacto no mercado laboral e na sociedade.
O congreso ‘Formación Profesional Dual: Dúos ou duetos?’ pretende asemade reflexionar sobre a necesidade temperá de anticipar algunhas melloras que precisa a formación profesional dual nos distintos contextos nos que se desenvolve con este ou outros nomes, focalizar sobre a súa dimensión sociocultural, así como sobre aspectos centrados en como contribúe ao emprego das persoas.
Sesión inaugural e programa
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presidirá este xoves, ás 10.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado, a sesión inaugural deste congreso, que chega por vez primeira á capital luguesa e no que se agarda a participación de preto de 200 persoas, entre investigadores, docentes, estudantes e titores de empresas.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; o delegado rexional do Norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, António Leite, e o co director deste congreso, Antonio Florencio Rial Sánchez, tamén intervirán no acto de apertura dun foro internacional, cuxo programa de actividades se prolongará ata o sábado 21 de outubro na capital luguesa.
O profesor e investigador da Universidade de Valencia Fernando Marhuenda Fluixá ofrecerá a conferencia inaugural deste congreso cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Os sistemas europeos de formación profesional dual: dúos ou duetos?’. A primeira xornada deste foro inclúe asemade dous simposios sobre transferencia de modelos de formación profesional entre países e sobre a cultura actual sobre a formación profesional, ademais da presentación de diversas comunicación científicas.