Skip to main content

Publícase o novo Atlas Nacional de España, coa participación de docentes da USC

Publícase o novo Atlas Nacional de España, coa participación de docentes da USC
Publícase o novo Atlas Nacional de España, coa participación de docentes da USC

O Instituto Geográfico Nacional acaba de publicar o novo Atlas Nacional de España, unha magna obra na que participaron como colaboradores varios docentes e persoal investigador do Departamento de Xeografía da USC. Dous deles ademais foron coordinadores científicos dalgún apartado: Alberto Martí Ezpeleta do capítulo dedicado a Clima e Auga, e Rubén C. Lois González da sección España no Mundo.

Para levar a cabo esta importante participación, a USC adheriuse e comprometeuse coa Rede ANEXXI do Instituto, encargada de elaborar e editar este compendio de cartografía de España que reúne centos de mapas actualizados sobre o medio natural, a poboación e a sociedade españolas; as actividades produtivas e económicas; os servizos e equipamentos, os transportes, a estrutura territorial, a paisaxe ou a presenza de España no mundo.

O novo Atlas, titulado España en mapas. Una síntesis geográfica, pode descargarse xa por capítulos dende o web do Instituto ou consultar arredor de 1.200 elementos gráficos, dos cales máis de 800 son mapas que mostran múltiples variables, secuencias temporais, distintos ámbitos xeográficos e diversos niveis de agregación territorial. Para Martí Ezpeleta, “nun territorio e nunha sociedade tan cambiantes e diversos este Atlas vai ser de grande axuda para comprender a realidade natural, ambiental, social e económica do noso país”.

A maiores dos profesores Martí e Lois, da USC colaboraron na publicación Xosé Santos Solla, Miguel Pazos Otón, Carlos Ferrás Sexto, José Antonio Aldrey Vázquez, Daniel del Río Franqueira, Carlos Macía Arce, Valerià Paül Carril e María José Piñeira Mantiñán. Ademais, a profesora Monserrat Villarino é vogal do comité científico asesor da obra.

Décadas de traballo Os traballos no Atlas Nacional de España (ANE) iniciáronse no entón Instituto Geográfico y Catastral nos anos 60 ata finalizar unha primeira edición completa en seis tomos en 1997, que se foi actualizando de maneira constante ata pasar a ser unha colección de publicacións agrupadas en diferentes series publicadas a través de diversos canais, cobrando especial importancia internet. España en mapas. Una síntesis geográfica forma parte da serie Compendios do ANE e constitúe unha síntese do contido que máis tarde recollerá a serie Xeral.

The contents of this page were updated on 02.18.2019.