Skip to main content

A comunidade universitaria poderá participar en actividades de voluntariado en Lugo durante os meses de xullo e agosto

Cartaz da escola Voluntariado Campus Terra Verán 2016
Cartaz da escola Voluntariado Campus Terra Verán 2016
A iniciativa Voluntariado Campus Terra Verán 2016, desenvolvida en colaboración con Capaces Lugo, está orientada a traballar con nenos con trastorno do espectro autista

A comunidade universitaria poderá participar en actividades de voluntariado en Lugo durante os meses de xullo no marco da escola ‘Voluntariado Campus Terra 2016’, unha iniciativa promovida pola asociación Capaces Lugo en colaboración coa USC, que vén de ser presentada este luns na Facultade de Formación do Profesorado da USC nun acto no que interviñeron a presidenta de Capaces Lugo, Ángeles Fernández Nuñez; a directora da Escola de Verán da USC, Victoria Barrero, e a responsable de voluntariado no campus lucense Fátima Teixeiro.

A escola Voluntariado Campus Terra Verán 2016 constitúe unha iniciativa orientada a traballar con nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA) ou con trastornos da comunicación (TC), a fin de dar continuidade así durante o período estival ás actividades escolares deseñadas para evitar retrocesos na aprendizaxe de habilidades sociais e de comunicación de nenos e nenas con trastornos do espectro autista maiores de cinco anos. A participación deste colectivo infantil en actividades estivais convencionais, como poden ser os campamentos, é moi limitada, xa que este tipo de usuarios/as precisan dunha programación específica que inclúa actividades dirixidas e modeladas de forma individual, porque os nenos e nenas con trastornos do espectro autista non aprenden por imitación. A programación de actividades incluídas na convocatoria ‘Voluntariado Campus Terra Verán 2016’ está accesible no espazo web do Sepiu e conta cunha organización específica por quendas semanais en horario de 9.30 a 14.00 horas, durante os meses de xullo e agosto. Todos as persoas que forman parte da comunidade universitaria e que desexen colaborar nesta nova iniciativa de voluntariado deberán poñerse en contacto co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo [at] usc.es (sepiu[dot]lugo[at]usc[dot]es) para formalizar a súa inscrición, así como para tramitar o certificado que permite acreditar que as persoas candidatas carecen de antecedentes por delitos de natureza sexual, un requisito obrigatorio en todas as actividades que se realizan con menores. Esta nova iniciativa de voluntariado, do mesmo xeito que o resto de convocatorias ordinarias abertas durante o curso académico, está certificada, polo que o alumnado da USC que tome parte nesta escola de verán pode solicitar á institución universitaria o recoñecemento académico que corresponda á actividade desenvolvida como voluntarios no marco da escola ‘Voluntariado Campus Terra Verán 2016’.

The contents of this page were updated on 05.30.2016.