Skip to main content

A USC, o Concello de Mondoñedo e a Deputación de Lugo promoven un curso de verán sobre a educación na natureza e as intervencións asistidas con animais

A actividade está organizada en colaboración coa Asociación Nenea, medrar creando que é a primeira Escola Bosque que se abre en Galicia

Entre os días 20 e 23 de xullo desenvolverase no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo un curso de verán sobre a educación na natureza e as intervencións asistidas con animais promovido pola USC, o Concello de Mondoñedo e a Deputación de Lugo en colaboración coa Asociación Nenea, medrar creando, a primeira Escola Bosque que se abre en Galicia. A data para formalizar a matrícula finalizará o día 8 de xullo.

O curso, que se presentou en rolda de prensa esta mañá en Lugo, pretende dar a coñecer aos profesionais que traballan con nenos e nenas os beneficios da educación na natureza e as posibilidades que ofrecen os animais adestrados para a realización de actividades tanto no ámbito da Educación formal como non formal.

Así, vanse realizar varias demostracións en vivo con animais, tanto no curso como na excursión que se realizará o venres dia 22 á cuadra Santa Bárbara en Ponferrada, para ilustrar o tipo de actividades que se poden levar a cabo nos programas de Intervencións Asistidas con Animais.

O curso resulta de especial interese para estudantes do Grao de Mestre/a de Educación Infantil e Primaria, antigos alumnos e alumnas de Maxisterio, estudantes de veterinaria, educadores sociais e monitores de tempo libre. Tamén para pais e nais e para calquera persoa implicada no traballo coa infancia e interesada na educación na natureza e nas intervencións asistidas con animais.

Nenea
A asociación Nenea é unha escola activa para familias con nenos e nenas de dous a seis anos que se basea en dous pilares fundamentais, a natureza e a arte. Unha escola en plena natureza situada na escoliña unitaria de San Xoán do Alto que pretende crear unha comunidade de aprendizaxe, e que ten como valor engadido a presenza dunha coeducadora canina, chamada Duna. Trátase de introducir a Educación Asistida con Animais dun xeito moi particular.

Relatores
Entre os relatores, o profesor Uxío Otero Urtaza nunha charla aberta ao público xeral falará da importancia da educación na natureza, tanto desde a súa perspectiva histórica como as tendencias actuais. O profesor Otero é un experto na temática e coordina o Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado.

Segundo o profesor Otero, un dos problemas da educación actual máis salientables é o afastamento da infancia e a xuventude das contornas naturais. “Nas grandes cidades moitos nenos pasan a súa infancia sen coñecer e visitar nunca espazos naturais, sen ter conciencia de que existe un mundo fóra das cidades, de que existen espazos nos que o home non habita, ou que unha parte importante da Humanidade vive en aldeas e espazos altamente rurais lonxe das comodidades da vida urbana”, explica.

Pola súa banda, Bibiana Marful, presidenta de NENEA e secretaria do curso, vai falar especificamente das aplicacións das intervencións asistidas con cans no ámbito da educación infantil e primaria e presentará a experiencia de como introducir un can adestrado nun proxecto de educación na natureza en Educación Infantil e os beneficios que iso se lles está reportando.

A profesora Titular do Departamento de Patoloxía Animal da USC Cristina Castillo centrará a súa intervención na importancia de ter en conta o benestar animal e a saúde pública cando empregamos os animais como ferramenta de traballo e proporcionará pautas concretas ao respecto.

O equipo de REBICÁN, que tamén colabora coa organización do curso, impartirá dúas charlas nas que mostrarán o panorama actual das intervencións asistidas con animais: por qué resultan tan eficaces, cales son os diferentes tipos de intervencións que podemos atopar, así como as características básicas que deben reunir os animais que se empregan con este fin.

REBICAN e NENEA organizarán o último día do curso unha xincana literaria asistida con cans na que haberá ocasión de vivenciar unha actividade de ocio educativo con cans á vez que se coñecerá Mondoñedo a través de diferentes actividades polas súas rúas.

O venres dia 22 estará dedicado ás intervencións asistidas con cabalos, cunha visita de traballo e ocio ás instalacións da cuadra Santa Bárbara en Ponferrada. Alí verase como funcionan as intervencións asistidas con cabalos, que tipo de colectivos se ven beneficiados e en que consisten estas sesións. Ademais, asistirase aos coidados e aos requisitos precisos para asegurar o benestar destes animais.

The contents of this page were updated on 06.30.2016.