Skip to main content

Especialistas revisarán a pegada da obra da cineasta Chantal Akerman

Especialistas revisarán a pegada da obra da cineasta Chantal Akerman
Especialistas revisarán a pegada da obra da cineasta Chantal Akerman

A filmografía de Chantal Akerman (1950-2015) sitúaa entre as principais figuras do cinema de autoría europea cunha indiscutible influencia entre autores/as contemporáneas. En dúas xornadas, os días 28 e 29 de xullo, a Universidade de Verán da USC acollerá o curso ‘ Chantal Akerman: cineasta de culto, muller e transgresora’, un percorrido biofilmográfico que relaciona a súa cinematografía na converxencia do feminismo cos novos cinemas europeos e co cinema experimental americano.

O encontro que dirixen Renata Otero e Marta Pérez Pereiro na Facultade de Ciencias da Comunicación cunha carga lectiva de 16 horas, destaca ademais a multidisciplinariedade da autora e, especialmente, a viaxe da súa obra dende pantalla grande ás videoinstalacións en espazos tradicionalmente reservados ás artes plásticas.

Nesta andadura, o achegamento á cinematografía de Akerman por parte académicas/os de disciplinas e universidades diversas, combínase coa intervención de diferentes cineastas que se recoñecen influídos pola autora e explican a súa pegada dende a dimensión creativa. Así, o programa mestura relatorios de expertos/as con proxeccións e debates arredor de diversas obras da autora como Saute ma ville; Je, tu, il, elle ou Chantal Akerman by Chantal Akerman. A través do conxunto de intervencións previstas proponse un achegamento á vida e obra da cineastas, revisando a súa relación coas novas correntes cinematográficas, as súas comedias musiciais ou as súas videoinstalacións nos circuítos artísticos, entre outras cuestións. O encontro conta co co financiamento de Regalcerámica.

Matrícula
A matrícula xa se pode formalizar tanto a través da web como de xeito presencial e estenderase ata aproximadamente dez días antes antes do inicio do curso en cuestión.

Sempre e cando se asista ao 80% das horas lectivas, as persoas inscritas recibirán un diploma acreditativo da súa participación. A USC recoñece os cursos de verán 2016 a efectos de créditos para o estudantado: dous créditos para cada curso de 25 ou máis horas e un crédito polos de menos de 25 horas (en todo caso, ata un máximo de seis créditos en total). A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de máis carga lectiva e de 70 para os de menos de 25 horas. Ademais, existe unha taxa reducida (de 70 e 40 euros, respectivamente) aplicable a alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas en situación de desemprego, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e PDI e PAS da USC.

The contents of this page were updated on 06.30.2016.