Skip to main content

Unirisco celebra o luns os seus 15 anos

O Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) será o luns 3 de outubro o escenario da celebración do XV aniversario de UNIRISCO Galicia, unha sociedade de capital-risco auspiciada pola USC co obxecto de promover a creación de empresas que aproveiten o coñecemento xerado pola universidade, mediante operacións de investimento temporal no seu capital ou outros instrumentos financeiros, sempre baixo criterios de rendibilidade e creación de emprego.

O acto de celebración dará comezo ás 11.00 horas e nel intervirán o presidente de Unirisco e reitor da USC, Juan Viaño Rey; o director da RAE e ex reitor da USC entre 1994 e 2002, Darío Villanueva Prieto; o director xeral de Unirisco Galicia, SCR, S.A., Martín Rivas Antón; o conselleiro delegado de Innolact, participada por Unirisco no período 2006-2013, Sergio Martínez Alonso; e o conselleiro delegado de Situm Technologiesm Víctor Álvarez.

As orixes de Unirisco
Co obxecto de favorecer e enmarcar as relacións entre a investigación universitaria e as empresas do seu contorno socioeconómico, a USC creou no seu día o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT), que no exercicio 1999 chegaba a canalizar un volume de fondos de 4.000 millóns de pesetas.

Con estas previsións, e á vista dos importantes datos que presentaba a USC no que a transferencia de tecnoloxía se refería, a USC creou en 1998 a Sociedade Xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. (UNIXEST) e un ano máis tarde a Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais (UNINOVA) que ten como obxectivo incubar empresas innovadoras de base tecnolóxica creadas a partir de proxectos de investigación desta universidade (spin-off académico).

Dado o éxito acadado durante ese tempo, a Universidade de Santiago creu necesario dar un paso máis e constituíu a finais do ano 2000 unha sociedade de capital-risco, UNIRISCO Galicia, co fin de facilitar o financiamento dos spin-off.

The contents of this page were updated on 09.30.2016.