Skip to main content

Leviatán, Sobre a liberdade e Unha breve historia do tempo súmanse á Colección Clásicos do Pensamento Universal

O acto de presentación celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC
O acto de presentación celebrouse no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Foto: Servimav-USC

Leviatán de Thomas Hobbes, Sobre a liberdade de John S. Mill e Unha breve historia do tempo de Stephen Hawking son os tres novos volumes que acaban de incorporarse á colección Clásicos do Pensamento Universal, que co editan a USC e a Fundación BBVA dende o ano 2002 e que con estas incorporacións suma un total de 31 volumes. O reitor Antonio López presidiu a presentación dos novos títulos nunha sesión no Colexio de San Xerome na que tamén interviñeron a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca Zarasqueta; o director da Colección, o catedrático Darío Villanueva Prieto, e os/as prologuistas e tradutores das obras presentadas: María Xosé Agra Romero, por Leviatán, Xosé Luis Barreiro Rivas, de Sobre a liberdade, e José Edelstein e Jorge Mira, pola obra de Hawking. No acto tamén estivo presente o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés.

Leviatán
“Dende a unánime consideración de que Thomas Hobbes é o fundador da filosofía política moderna, Leviatán (1651) resulta unha obra clásica do pensamento, unha obra complexa que aínda sorprende e non deixa indiferente a ninguén”. Con estas verbas a profesora María Xosé Agra Romero, prologuista do volume, introduce o primeiro dos clásicos presentados. Leviatán “posúe unha particular envergadura que segue interpelando e retando, que segue impresionando e, tras máis de tres séculos e medio dende a súa publicación, estimulando unha profunda reflexión sobre a política”, engade.

O individuo e o Estado, a natureza ou a condición humana, a violencia, a morte violenta e a guerra; a condición de cidadán ou de súbdito; a relación entre liberdade e a autoridade; sobre a razón, a racionalidade, e a ciencia, sobre as opinións, as crenzas, as doutrinas relixiosas e o poder político, son algúns dos temas presentes na reflexión presentada por Hobbes. Cualificándoa como unha “obra imperecedoira”, a profesora Agra considera que “o seu interese non devala, a súa lectura non perde vixencia, polo que a súa publicación en galego vén a ser unha oportunidade magnífica para visitalo e lelo, ou re visitalo e relelo unha vez máis, deixando atrás visións estereotipadas, tópicas, e mergullándonos nos meandros dunha obra impresionante, na que Hobbes desprega toda a súa brillantez intelectual”.

Sobre a liberdade
Lembra o profesor Xosé Luis Barreiro Rivas que cando Sobre a liberdade entrou en imprenta en Estados Unidos e Europa estaban asentados “os primeiros sistemas liberais nos que foron callando as ideas nutricias da revolución Francesa”. Naquel tempo “agromaban novas formas de control que viñan demostrar que a fermosa verba liberdade, pronunciada por tantas xeracións preñadas de esperanza, perdíase con demasiada frecuencia nas formalidades do sistema, sen deitar con xenerosidade os vizosos froitos que dela se agardaban”.

John Stuart Mill, lonxe de escribir un tratado filosófico sobre a liberdade válido para todo tempo e circunstancia, “quixo analizar o desenvolvemento da liberdade real na dialéctica entre o cidadán e a persoa, ou entre a comunidade e o individuo, que determinaba o avance e progresión das repúblicas liberais” aclara o prologuista e tradutor do novo volume de Clásicos do Pensamento Universal. En Sobre a liberdade, un “clásico perenne do pensamento político, Mill conclúe que a creación dunha sociedade liberal, comprometida cos avances políticos e co necesario equilibrio do modelo económico, só pode lograrse mediante a reposición dunha cidadanía responsable, activa e inspirada por valores esenciais e inseparables do individuo”.

Unha breve historia do tempo
Os profesores da Facultade de Física José Edelstein e Jorge Mira, este último tamén tradutor, prologan a tradución ao galego de Unha breve historia do tempo, “unha obra fundacional, que semella non beber de fonte algunha nin estar contaminada pola influencia de textos anteriores; unha obra na que Stephen Hawking senta as bases do que habería de ser a divulgación científica para centos de libros posteriores, tanto polo estilo e a ousadía de escribir nunha linguaxe accesible sobre conceptos moi abstractos da física de fronteira como polo sinal que deixou sobre moitos outros físicos profesionais”.

En opinión dos físicos da USC, ninguén mellor que Hawking para afrontar o desafío de escribir “a maior e máis enigmática das biografías: a do Universo observable; do nacemento, o devir e a morte do espazo-tempo”. Lonxe de facelo como un historiador fóra de escena, que coñece todos os detalles e se limita a expoñelos con erudición, “Hawking detense fronte ás preguntas máis perentorias e difíciles, debullándoas con profunda intelixencia e xuvenil desenvoltura”, aclaran. Na súa opinión a obra busca resposta para preguntas sobre o modo en que naceu o tempo, as razóns polas que o Universo ten estrutura ou que ocorre con aquilo que cae nos buratos negros, entre outras interrogantes. A piques de coincidir co aniversario do falecemento de Stephen Hawking, a colección Clásicos do Pensamento Universal “enriquécese incorporando á lingua galega un dos textos fundamentais da ciencia de todos os tempos, que foi, ademais, un dos célebres best-sellers do século XX” sinalan os docentes.

Clásicos do Pensamento Universal
Esta colección reúne unha serie de obras traducidas ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e do seu autor, a través do prólogo introdutorio do especialista.

The contents of this page were updated on 02.26.2019.