Skip to main content

‘Regueifas de Ciencia’, debates intelixentes sobre temas apaixonantes

De esquerda a dereita, Manuel Vicente, Laura Sánchez e Manuel Collado
De esquerda a dereita, Manuel Vicente, Laura Sánchez e Manuel Collado
Este venres, ‘Son os transxénicos unha opción válida e segura?’

Unha regueifa é unha disputa dialéctica improvisada e en verso entre dúas persoas sobre un tema determinado. Tirando deste termo, a USC co financiamento da Fecyt comeza este venres 8 cunha nova actividade de divulgación científica, de entrada libre, na que catro reputados especialistas debaterán acerca dun tema de especial transcendencia e certa polémica.

A exposición e confrontación de ideas é consubstancial ao coñecemento científico e por iso os debates, ademais de dar a coñecer os argumentos das distintas posicións ao redor dun tema, cumpren unha función de aprendizaxe e enriquecemento na audiencia que participa del, “chegando mesmo a conseguir cambiar posturas de partida”, explica a catedrática de Xenética e directora do proxecto, Laura Sánchez Piñón. De feito, para comprobar a efectividade desta clase de confrontacións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate do debate.

Sánchez Piñón presentou este mércores os detalles do proxecto xunto co investigador do IDIS, Manuel Collado Rodríguez, e o doutor en Ciencias Químicas e director do programa ‘Efervescencia’ da Radio Galega, Manuel Vicente García. A xenetista lembrou que a USC está sempre á cabeza das institucións que conseguen proxectos da convocatoria Fecyt, “polo que podemos falar dunha universidade con clara vocación divulgadora”, dixo.

Formato ‘Oxford’

A organización dos debates manterá unha postura imparcial e propón un formato moi coñecido como é o ‘Oxford’. Isto é, un moderador, dous bandos e tempos controlados; todo cunha gran formalidade. Equipos con posturas enfrontadas formados por dúas persoas relevantes no seu eido.

A ‘regueifa’ entre catro poderá seguirse tamén a través de streaming, unha emisión que se gravará e publicará na web do proxecto facendo posible así que os docentes utilicen este debate como ferramenta nas aulas.

Transxénicos
A primeira ‘ Regueifa da ciencia’ terá lugar este venres 8 ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación coa cuestión ‘Son os transxénicos unha opción válida e segura?’. Defendendo unha postura favorable participarán o profesor de biotecnoloxía da Politécnica de Valencia e director do Máster de Biotecnoloxía Molecular e Celular de Plantas, J.M. Mulet, e o catedrático da Politécnica de Madrid e autor das primeiras patentes sobre plantas transxénicas realizadas en España e vendidas no mercado internacional, Francisco García Olmedo.

Do outro lado, sostendo argumentos en contra, estarán a responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra, Blanca Ruibal, e o entomólogo e profesor de Zooloxía e Bioloxía da Conservación na Facultade de Ciencias Ambientais e Bioquímica da Complutense, José Luis Yela.

O proxecto contempla tres debates máis, previstos para os meses de xuño, setembro e novembro, sobre cuestións tan transcendentais e polémicas sobre a conveniencia das vacinas ou a necesidade de experimentar con animais.

The contents of this page were updated on 04.06.2016.