Skip to main content

Os asesores da ACSUG José Manuel Cabrera e Antonio Scala coñecen a oferta académica e de servizos do Campus Terra

Scala, Morrondo, Bueno e Cabrera, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Scala, Morrondo, Bueno e Cabrera, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Os vicerreitores Javier Bueno e Andrés Barreiro, acompañados da presidenta da Acsug, Patrocinio Morrondo, guiaron aos visitantes nun percorrido polo campus universitario

O ex reitor da Universidade de Guanajuato (México), José Manuel Cabrera, e o profesor do Departamento de Medicina Veterinaria da Universidade de Sassari (Cerdeña), Antonio Scala, acompañados da presidenta da Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a profesora na Facultade de Veterinaria da USC Patrocinio Morrondo Pelayo, visitaron este martes a sede universitaria luguesa, onde tiveron a ocasión de coñecer polo miúdo a oferta académica e de servizos de que dispón o Campus Terra da USC.

Esta delegación académica integrada pola presidenta da Acsug e por dous dos asesores externos deste órgano de carácter universitario, chegou á capital luguesa ás 10.00 horas, cando participaron nunha recepción institucional na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde mantiveron un encontro coo vicerreitor Javier Bueno. Logo desta primeiro achegamento ao campus de Lugo, Cabrera e Scala, acompañados de Patrocinio Morrondo e dos vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente, realizaron un percorrido polo campus universitario, no que visitaron algunhas das súas infraestruturas de carácter científico e tecnolóxico máis destacadas. Así, esta comitiva académica desprazouse ata as novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC situadas no polígono de Sanfiz. Unha vez rematada a visita á sede da APLTA, esta delegación académica visitou o edificio Cactus do campus de Lugo, onde o vicerreitor Andrés Barreiro presentou algunhas das principais liñas de investigación que se desenvolven no Campus Terra. A visita ao hospital veterinario Rof Codina e ás novas instalacións do Cebiovet serviu para rematar esta visita ao campus de Lugo e que significou a primeira toma de contacto do reitor mexicano ao Campus Terra da USC, ao que José Manuel Cabrera permanece ligado a través da súa pertenza ao comité de asesoramento externo, unha comisión presidida polo director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, o catedrático Marius Rubiralta. O coordinador do campus de excelencia internacional CeiA3 da Universidade de Córdoba, Enrique Quesada; o director da oficina académica tecnolóxica da Universidade de Florida, Pedro S. Zazueta; o profesor do Royal Veterinary College da Universidade de Londres Francisco Javier Guitián, e José Luis Antuña, de Feiraco, tamén acompañan a José Manuel Cabrera como membros desta comisión de asesoramento externo do Campus Terra da USC.

The contents of this page were updated on 04.12.2016.