Skip to main content

Xa se poden presentar propostas ao segundo concurso universitario de Radiodramas en galego

Cartel desta segunda convocatoria
Cartel desta segunda convocatoria
Aberto a todo o alumnado da USC, así como aos das titulacións de Comunicación Audiovisual da Coruña e Vigo e o das escolas de Imaxe e Son de Galicia

Todo o alumnado da USC, así como os das titulacións de Comunicación Audiovisual da Coruña e Vigo e o das escolas de Imaxe e Son de Galicia son os destinatarios da segunda edición do Concurso Universitario de Radiodramas en galego, promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística.

Ata o 12 de outubro, poderán presentar as súas propostas de radiodrama, cunha duración máxima de 10 minutos, con formato de guión radiofónico dramático escrito e gravación en arquivo dixital (mp3 ou calquera dos habitualmente utilizados en radio). Deberá estará escrito e protagonizado en galego.

Repartiranse dous galardóns, de 500 e 400 euros respectivamente, para os dous mellores proxectos mellor valorados polo xurado. Na primeira edición, resultaron gañadores Ficticia e Psicodrama, accesibles na web do concurso, onde tamén están dispoñibles as bases da convocatoria deste ano e toda a información necesaria.

Radiodramas
Os radiodramas son un xénero de ficción para radio que se sustentan nos diálogos, a música e os efectos de son para recrear a historia e posibilitar que quen as escoita imaxinen a historia que se lles propón. As súas épocas de maior auxe foron nos anos 30, 40 e 50, para logo esmorecer pola chegada da televisión. Na actualidade, están a vivir certo renacemento, aínda que con historias diferentes aos ‘dramóns’ que aínda se podían escoitar na radio nos anos 70.

The contents of this page were updated on 04.13.2016.