Entréganse este luns os XI Premios á Calidade Lingüística
O reitor Juan Viaño presidirá este luns 22 a entrega dos galardóns correspondentes aos Premios á Calidade Lingüística para promover o emprego da lingua galega nos traballos de investigación. A convocatoria recoñece a calidade dos traballos de fin de graos (TFG) e fin de mestrado (TFM) así como dos proxectos de fin de carreira.
A entrega celebrarase nun acto protocolario ás 11.00 horas na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia na que tamén participarán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o decano da facultade anfitrioa, Juan Monterroso; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.