Entregáronse os premios á calidade lingüística da USC
A calidade lingüística dos traballos académicos que o alumnado da USC realiza en galego ten premio na USC. Sexa o de fin de grao, carreira ou mestrado ou un traballo de investigación para unha materia, as comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo entregan cada ano un total de 15 recoñecementos. Ao chamado da edición correspondente ao curso 2014-15 presentáronse 3 traballos académicos, 66 traballos de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC) e 41 de fin de mestrado (TFM).
A cerimonia de entrega destes XI Premios á Calidade Lingüística presidiuna o reitor Juan Viaño na Facultade de Xeografía e Historia. Estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; do decano da facultade anfitrioa, Juan Monterroso; e do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.
Para o reitor, esta iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da USC persegue “facer consciente ao alumnado universitario de que a suxeición a unhas convencións que normalicen a presentación pública das nosas producións como investigadores e investigadoras é un acto de calidade universitaria”.
Fin de grao e carreira
Na área de Enxeñaría dos TFG/PFC recibiu o premio a graduada en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural Pilar Rodríguez López polo traballo ‘Análise dos investimentos realizados por explotacións de leite acollidas a plans de mellora’; mentres que na de Ciencias Sociais e Xurídicas gañaron ex aequo os graduados en Mestre de Educación Primaria Eva Otero e Sergio Carbón por ‘O ensino durante a Segunda República no Concello de Teo’ e ‘As escolas ao aire libre: unha alternativa pedagóxico-ambiental para a educación de infancia. Estado da cuestión en viabilidade en Galicia’, respectivamente.
Na área de Ciencias recoñeceuse o traballo ‘Aproximación dos autovalores e autovectores dunha matriz tridiagonal simétrica mediante un algoritmo Divide e Vencerás’, do graduado en Matemáticas David Ferreiro. Na de Ciencias da Saúde o premio foi para a graduada en psicoloxía Cora Gutiérrez por ‘Deterioración do proceso de busca visual en anciás con e sen demencia senil tipo Alzhéimer’, e na de Arte e Humanidades para a graduada en Filoloxía Clásica Lúa García por ‘A figura de Diotima no Simposio de Platón’ e para o traballo ‘Os xéneros dialogados na lírica románica medieval’ de Tania Vázquez, do itinerario en Filoloxía Románica de Linguas e Literaturas Modernas.
Fin de mestrado
Na modalidade de TFM fixéronse co premio, na modalidade de Enxeñaría, Fabio Dacosta, do mestrado en Tecnoloxías da Información, polo traballo ‘Saliencia e crowd sourcing: gatches útiles para avaliar o deseño de páxinas web’. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas gañou Sabela Direito, do mestrado en Comunicación e Industrias Creativas, por ‘As series de televisión fronte aos social media. Un estudo do uso e da influencia da xestión das redes sociais por parte das series de ficción españolas’. Pola súa banda, en Ciencias gañaron (ex aequo) Pablo Fernánez, do mestrado en Física, por ‘Optimización dun modelo para a determinación do número de agregación micelar a partir de medidas de tensión superficial’ e Francisco Fontenla, do mestrado en Acuicultura, por ‘Produción de xeles de ulvano e avaliación da súa actividade como adxuvante no rodaballo Scophthalmus maximus’.
Na área de Ciencias da Saúde resultou gañadora Lucía Denniss Fernández, do mestrado en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, polo ‘Plan de prevención de riscos laborais dunha explotación avícola’ e, en Arte e Humanidades, premiáronse os traballos ‘Os dicionarios toponímicos: caracterización, análise crítica e proposta’ e ‘Conceptualización da loucura na linguaxe figurada medieval galega’ de Sandra Beis (Libngística Aplicada) e Verónica Pousada (Estudos da Literatura e da Cultura), respectivamente.
Traballos académicos
Por último, recibiron os premios á calidade na modalidade de traballos académicos Alberto Liñares Lamas, de Enxeñaría Química, polo traballo ‘Aproveitamento de materias primas. Petróleo e biomasa’ e Adela Estévez, María Gonález, Estefanía López e Tamara Rial, todas do grao en Linguas Modernas especialidade francés, por ‘A cortesía nas peticións, o proceso de adquisión nos nenos. Pragmática e análise do discurso’.