Skip to main content

A USC apoia un ano máis a vangarda escénica

A USC apoia un ano máis a vangarda escénica
A USC apoia un ano máis a vangarda escénica

A Universidade de Santiago colabora de novo co festival de inverno de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio que terá lugar en Compostela entre os días 7 e 16 de febreiro. Quen presente o carné da USC obterá un desconto do 20% no prezo da entrada.

Nesta quinta edición, o festival contará cos dous creadores principais da vangarda española, Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel Medina, que compartirán as súas accións políticas, irreverentes, sempre disidentes. Así, e recollendo o fío do concepto de disidencia que estruturou a edición anterior, segue apostándose polas liñas de traballo que construíron a identidade do festival: o traballo con comunidades, na peza Ifeel4, de Marco Berrettini (con nenos e nenas); en Gatillo da felicidade (Trigger of hapiness) de Ana Borralho e João Galante (con adolescentes); e na peza de Esther Ferrer Os voy a contar mi vida (con persoas xordas e ouvintes). Tamén pezas históricas da danza e o teatro que se sitúan nun espazo de total actualidade como os Tres solos de Vera Mantero ou Sans titre, de Tino Sehgal.

Hai tamén entre as propostas un especial interese en potenciar a creación galega, apoiando a artistas que presentaron o seu traballo en edicións anteriores e que viron crecer a súa carreira a partir de Escenas do Cambio. A programación complétase con pezas como MDLSX, de Motus, Jinete Último Reino de María Salgado ou Minor Matter de Ligia Lewis, que profundan nunha visión feminista, complexa e radical da realidade actual, que tamén tocan François Chaignaud ou Alessandro Sciarroni.

The contents of this page were updated on 01.09.2019.