Skip to main content

Juan Lema e Juan José Nieto incorporaranse como académicos á Real Academia Galega de Ciencias

De esquerda a dereita Juan José Nieto e Juan Lema, nunha montaxe a partir de arquivo.
De esquerda a dereita Juan José Nieto e Juan Lema, nunha montaxe a partir de arquivo.

Os profesores Juan Lema Rodicio e Juan José Nieto Roig incorporaranse ao longo de 2016 como académicos á Real Academia Galega de Ciencias. Catedrático de Enxeñaría Química, Juan Lema licenciouse en Ciencias Químicas da USC en 1971 para logo obter o grao de doutor en Ciencias na mesma universidade, á que se incorpora definitivamente en 1986 procedente da Autónoma de Barcelona. No ámbito da investigación foi pioneiro e está considerado unha referencia mundial na área da biotecnoloxía ambiental, principalmente na degradación anaerobia de contaminantes. O seu traballo aválano as 52 teses doutorais dirixidas, numerosos proxectos de investigación nos que participa e lidera, varios contratos con empresas e máis de 300 artigos publicados en revistas de alto impacto científico.

Na área de xestión académica desempeñou un papel preponderante na concepción e concreción da carreira de Enxeñaría Química en España e foi promotor e primeiro presidente da Conferencia de Decanos e Directores de Enxeñaría Química. Profesor do Departamento de Enxeñaría Química, que tamén dirixiu, exerceu os cargos de director do Centro de Transferencia Tecnolóxica e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).

Nieto Roig
O profesor Juan José Nieto Roig é catedrático de Análise Matemática e coordinador do grupo de investigación de Ecuacións Diferenciais non Lineares. Coordinou ou participou en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Ademais figura na listaxe dos científicos altamente citados no eido das Matemáticas que elabora Thomson Reuters, nas edicións de 2014 e 2015.

A súa investigación céntrase principalmente no estudo das ecuacións diferenciais e as súas aplicacións. Na actualidade é editor do Journal of Mathematical Analysis and Applications e do International Journal of Biomathematics.

The contents of this page were updated on 02.09.2016.