O Consello de Goberno da USC aproba o nomeamento de catro doutores honoris causa
O Consello de Goberno deu o seu visto bo ao nomeamento de Crispian Scully, Enric Trillas, Giorgio Franceschetti e Jean-Michel Uhaldeborde como doutores honoris causa pola USC. A concesión desta mención honorífica terá agora que ser ratificada polo Claustro universitario.
Médico, bioquímico e odontólogo, Crispian Scully é unha das persoas máis cualificadas e de maior prestixio mundial no ámbito da odontoloxía en pacientes especiais e da medicina oral. Proposto polo Departamento de Estomatoloxía da USC, destaca a súa xestión á fronte do Eastman Dental Institute, a única institución de Europa dedicada á investigación e docencia exclusivamente para posgraduados, que converteu nun centro internacional de excelencia investigadora.
Pola súa banda, o matemático e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Enric Trillas, investigador emérito do European Centre for Soft Computing, é proposto polo Departamento de Electrónica e Computación “pola súa indubidable valía científica e docente e a súa constante dispoñibilidade a colaborar coa USC en todas cantas iniciativas se lle teñen proposto” .
Se o Claustro así o aproba, o profesor da Universidade de Nápoles (Italia) Giorgio Franceschetti será tamén nomeado honoris causa, neste caso a proposta do departamento de Física Aplicada. Autoridade recoñecida internacionalmente no campo da teoría electromagnética básica e aplicada, a relación do profesor italiano coa USC comezou nos anos 90 cunha estreita colaboración co grupo de Sistemas Radiantes co que traballa en grupos de investigación de carácter nacional e autonómico.
O catedrático de Economía da Université de Pau et des Pays de l’Adour (Francia) Jean-Michel Uhaldeborde é proposto polo Departamento de Economía Aplicada da USC, co que iniciou nos anos 80 unha relación investigadora coa USC, concretamente coa sección de Facenda Pública. O profesor francés é especialista no campo da economía e as políticas públicas, particularmente nas que se refiren ao desenvolvemento local e o seu financiamento, sendo considerado hoxe unha referencia europea na materia.