Skip to main content

O catedrático Enric Trillas fala no CiTIUS da USC de lóxica e linguaxes

Trillas foi pioneiro en España na lóxica difusa
Trillas foi pioneiro en España na lóxica difusa
O profesor da Universidade Politécnica de Madrid foi presidente do CSIC

O catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid Enric Trillas (Barcelona, 1940) ofrecerá este venres 19 ás 11.30 horas no CiTIUS da USC a conferencia ‘Lóxica e linguaxes’. Trillas foi pioneiro en España na lóxica difusa ou borrosa ('fuzzy logic') e un dos primeiros investigadores dedicados en Europa a este ámbito da ciencia, centrado en tentar conseguir que as máquinas poidan imitar as formas de razoamento humanas.

Na conferencia no CiTIUS abordará o concepto de lóxica e a súa evolución no tempo desde o mundo grego ata a actualidade así como o papel que xoga a semántica na súa análise contextual. Trillas fará un percorrido polas teorías máis relevantes deste campo e fará especial énfase na relación entre lóxica (ou lóxicas) e linguaxe, explicando a contribución deste á súa representación semántica. Presentará ademais unha perspectiva máis centrada no ámbito matemático, a deducción e o modelado do razoamento.

Por último, no seminario Enric Trillas falará das importantes conexións entre a lóxica e a computación e cómo isto está ligado ao desenvolvemento da cibernética e a intelixencia artificial.

Enric Trillas
O catedrático catalán foi presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), director xeral e vicepresidente do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), secretario xeral do Plan Nacional de Investigación Científica e Tecnolóxica e secretario da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía e presidente da compañía Ingeniería y Servicios Aeroespaciales (INSA).

Na súa traxectoria constan máis de 200 publicacións e artigos científico-técnicos e recoñecementos como a Orde ao Mérito da República Italiana na categoría de Grande Uffiziale, a Gran Cruz do Mérito Aeronáutico e a Medalla Narcís Monturiol ao mérito científico e tecnolóxico.

Desde 1990 é catedrático da Facultade de Informática da Politécnica de Madrid e na actualidade é ademais investigador emérito do European Centre for Soft Computing de Mieres (Asturias) e doutor honoris causa da Universidade Pública de Navarra. A este respecto, o Consello de Goberno da USC aprobou na súa última sesión concederlle o doutoramento honoris causa, unha decisión que deberá ratificar agora o Claustro universitario.

The contents of this page were updated on 02.16.2016.