Skip to main content

Bioloxía e a Escola Politécnica Superior acollen as probas da fase galega da Olimpíada de Xeoloxía

A Facultade de Bioloxía en Santiago e a Escola Politécnica Superior de Lugo serán sede este mércores das probas correspondentes á fase galega da sétima edición da Olimpíada de Xeoloxía. En Galicia tamén participarán nestas probas a Escola de Minas de Vigo e a Facultade de Ciencias de Ourense. Nesta edición tamén colaboran activamente o programa A Ponte e o Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

A Olimpíada de Xeoloxía é unha actividade educativa dirixida a fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e as Ciencias da Terra así como animar o estudantado a comezas estudos relacionadas con estas áreas e destacar a importancia da preservación do medio natural. En total participarán 260 estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia o que, en opinión do equipo promotor da competición, significa a consolidación da iniciativa.

No Campus de Santiago, a partir das 11.30 horas, darán a benvida aos/ás participantes o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella Torrón, e o decano da Facultade de Bioloxía, Antonio Segura Iglesias, quen tamén participarán no acto de clausura e entrega de premios aos gañadores/as a partir das 17.30 horas. No Campus de Lugo, tamén dende as 11.30 horas, será a subdirectora da EPS, Rosa Romero Franco, e a profesora e coordinadora do certame en Lugo, Esperanza Álvarez quen dean a benvida, mentres que o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador de A Ponte neste campus, Francisco Javier López, entregarán os premios e clausurarán a xornada a partir das 18.00 horas.

A competición deste mércores dará paso á fase española, convocada un ano máis polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeolóxica Española e a Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT). Celebrarase en Jaca o 9 de abril e a ela concorrerán os/as gañadores/as de cada fase territorial. Á súa vez, desta segunda fase sairá a selección que competirá na internacional a finais de agosto en Mie (Xapón).

The contents of this page were updated on 02.16.2016.