Conferencia de Andrés Pedreño sobre as implicacións dos ecosistemas dixitais para economistas e emprendedores
O que foi reitor da Universidade de Alacante e conselleiro delegado de Universia, Andrés Pedreño, intervirá este xoves 25 no mestrado en Márketing Dixital da USC coa conferencia ‘Tres ecosistemas dixitais (o web, o web social e as apps) e as súas implicacións para economistas e emprendedores’. A charla, de entrada libre, terá lugar ás 16:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
No relatorio, Pedreño analizará as características, convivencia e futuro deses tres ecosistemas e en particular abordará a crise da web e a expansión do móbil.
Andrés Pedreño é catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Alacante, da que foi reitor entre 1993 e 2000, conselleiro delegado de Universia (2000-2004) e encargado de definir o proxecto e a súa expansión a dez países. Impulsor de numerosos proxectos dixitais, fundou a primeira biblioteca dixital do mundo hispano (Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes) e a primeira plataforma MOOC en España, Europa e América Latina (UNIMOOC), hoxe con 200.000 emprendedores. Dirixe o Observatorio ADEI para o desenvolvemento da Economía Dixital en España, con Google e AFI.