Agroamb recibe o XVI Premio Aresa
O grupo empresarial chairego Agroamb recibiu esta noite no Auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O administrador único de Agroamb, Severiano Ónega Ares, foi o encargado de recoller o galardón, convocado conxuntamente pola USC e Aresa e dotado con 10.000 euros en metálico e unha placa conmemorativa. A cerimonia do Premio Aresa, que, coma noutras convocatorias, congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, estivo presidida polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, e polo fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, acompañados na mesa pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, así como polo empresario e conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jesús Quintá, e por Javier Guitián Martínez, catedrático de Saúde Pública Veterinaria do Royal Veterinaria College da University of London, dous dos membros do xurado desta edición do premio. O profesor Javier Guitián, un investigador formado intelectualmente en Lugo, onde cursou os estudos de licenciatura e doutoramento en Veterinaria e cuxa ligazón con este campus se ve agora reforzada pola súa condición de asesor externo do Campus Terra da USC, ofreceu unha lección maxistral, que se desenvolveu baixo o título ‘Qué pode facer a universidade polo sector agrícola?’. Na súa intervención, Guitián falou sobre como se pode axudar a que a investigación aplicada beneficie na maior medida posible á sociedade, en xeral, e aos produtores agropecuarios, en particular, un cometido ao que iniciativas como o Premio Aresa contribúen en gran medida, xa que aproximan investigadores universitarios e potenciais beneficiarios. Daquela e desde a perspectiva da Saúde Pública Veterinaria, na que moitos dos problemas teñen que ver cos alimento, Guitián referiuse a gandeiros, agricultores, agrónomos e veterinarios como “ pezas fundamentais” nos procesos de produción de alimentos inocuos e de calidade. Esta realidade fai necesaria a colaboración entre investigadores e sector agropecuario, sostén este investigador, que critica que os actuais sistemas de avaliación das universidades e da súa investigación enfatizan a calidade científica pero tenden a ignorar o impacto da investigación na sociedade, así como a adopción dos resultados por parte dos diferentes sectores. Relevancia, grao de aplicación e accesibilidade, ademais de calidade, son, na opinión de Javier Guitián, características que debe ter a investigación aplicada para beneficiar en maior medida aos sectores produtivos. Os sitemas actuais miden sobre todo “calidade”, pero as estratexias para facer investigacións máis relevantes, aplicables e accesibles inclúen a implicación dos produtores na identificación das prioridades, dice. Daquela, cómpre sumar a superación das barreiras das disciplinas tradicionais e a incorporación do uso que os produtores fan dos resultados da investiación como criterios para avaliar a produtividade científica das universidades e investigadores, conclúe Javier Guitián, quen tamén se referiu ao Campus Terra como unha iniciativa de gran valor alineada con estas necesidades. O administrador único de Agroamb, Severiano Ónega Ares, tivo palabras de agradecemento para o grupo Aresa e a USC pola concesión deste galardón. Na súa intervención, tivo unha especial e emotiva lembranza para a figura de seu pai, coñecido por Blas da Ponte de Outeiro, así como por todas as persoas da súa xeración, porque “foron eles os que puxeron a semente do que hoxe Agroamb”, un grupo empresarial que, entre outras, ten como máximas da súa actividade “a investigación e a innovación”. O presidente fundador do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, destacou do gañador desta edición do premio que “Agroamb é unha empresa que contribúe de forma decisiva a xerar emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro a través da posta en valor dos produtos da terra e da recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros. Polo tanto, contribúe ao desenvolvemento e á mellora do medio rural galego, que é o obxectivo do Premio Aresa”. “A economía rural precisa de innovación, de talento e de recursos”, dixo o reitor da USC, Juan Viaño, na clausura da gala de entrega de XVI Premio Aresa, un galardón ao que se referiu como “un claro exemplo do éxito que se pode acadar cando unha empresa responsable como Aresa pon recursos, outra empresa como Agroamb pon innovación e un investigador como Javier Guitián pon talento”. “Esta é a fórmula máxica que nos debéramos aplicar todos os días para lograr que o rural se converta na estratexia máis intelixente de mellora da nosa calidade de vida”, sinalou Juan Viaño. O reitor da USC remarcou o talento do profesor Guitián, responsable de proxectos de investigación en Reino Unido, Oriente Medio, India e África Occidental sobre diferentes enfermidades animais con impacto para a saúde pública. “Este é o talento que creamos en Campus Terra e este é o camiño que debemos seguir na loita en prol do desenvolvemento rural e da mellor calidade de vida”, concluíu. Agroamb O grupo empresarial Agroamb, con sede na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), foi o primeiro xestor en Galicia en ser autorizado pola Administración para o uso de residuos orgánicos na agricultura e na actualidade constitúe a empresa líder desta actividade. Ao longo da súa traxectoria empresarial, Agroamb ten creado 38 postos de traballo directos e 150 indirectos. Ademais, este firma con sede na Terra Chá tamén destaca pola evolución experimentada desde a súa creación, período durante o que diversificouse a súa actividade coa creación de novas iniciativas empresariais relacionadas coa explotación en común da terra, a prestación de servizos agrícolas ou a loxística con contedores. A colaboración de Agroamb coas universidades galegas e a súa participación continuada en proxectos de I+D+i son outras das características identitarias de Agroamb, un grupo empresarial que presenta ademais boas expectativas de expansión e internacionalización, como o constata a recente apertura dunha oficina comercial en Paraguai. Outro dos aspectos resaltados polos membros do xurado encargado de fallar o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural foi a súa especial contribución a xerar riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, procesando e reciclando máis de 250.000 toneladas ao ano de residuos, así como a súa capacidade de agrupar 150 explotacións e traballar en común 600 hectáreas de cultivos. Representantes da vida política, social e académica A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro; a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén Do campo; os senadores por Lugo José Manuel Barreiro e Dámaso López, os deputados no Congreso pola provincia Joaquín García Díez, Jaime de Olano, e Margarita Pérez Herráiz, o parlamentario autonómico Ángel Camino e os alcaldes de Vilalba, Meira e Castro de Rei, e a tentente de alcalde de A Pastoriza foron algúns dos representantes políticos que acudiron á cerimonia. A presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo; o vicepresidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega; os presidentes dos colexios de veterinarios e economistas, Ana María López e Salustiano Mato, así como unha nutrida representación académica, na que figuran os vicerreitores de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, ademais de decanos e directores de centros do campus de Lugo e Blanca de Cora García-Montenegro e Luis García Santalla, membros do Consello Social da USC, tamén participaron neste acto de entrega do XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Autoridades e público asistente á gala de entrega do galardón celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria