Skip to main content

A Rede de Paradores, un modelo único de contribución estatal ao reaproveitamento de inmobles históricos

Patricia Cupeiro no Parador de Úbeda, durante o traballo de campo para a tese
Patricia Cupeiro no Parador de Úbeda, durante o traballo de campo para a tese
Patricia Cupeiro López analiza na súa tese os factores que propiciaron a adaptación de edificios monumentais para un uso turístico

En 1928, baixo o auspicio do marqués De la Vega-Inclán, nacía a rede de Paradores de Turismo coa apertura dun establecemento hoteleiro de nova construción na Serra de Gredos e a redacción do proxecto de adaptación do convento-hospital de Jesús Nazareno en Mérida. Esta sería a orixe dunha longa lista de aloxamentos turísticos localizados en paraxes naturais de singular beleza ou inmobles histórico-artísticos espallados por toda a xeografía española. O parador de Mérida aparece no extenso catálogo que a historiadora da arte Patricia Cupeiro elaborou para a súa tese de doutoramento e que inclúe unha análise histórico-artística, documental e arquitectónica de 46 establecementos da rede.

No seu traballo doutoral ‘Patrimonio y turismo. La intervención arquitectónica en el patrimonio cultural a través del programa de Paradores de Turismo’, dirixido por Juan Monterroso, profunda na análise dos factores que propiciaron a adaptación de edificios histórico-artísticos para un uso turístico, “unha idea orixinal e rendible que forma parte da política turística estatal e que implica unha política tácita de protección patrimonial que, aínda que emerxe dun modo un tanto intuitivo nun tempo con normativa insuficiente, foi evolucionando cara a un maior interese”.

Para estudar a renovación do patrimonio cultural con fins hoteleiros en España Patricia Cupeiro elixiu a empresa Paradores de Turismo de España S.A. porque presenta as peculiaridades de ser de titularidade estatal e atesorar un vasto patrimonio que permite comprender a historia da rehabilitación arquitectónica cun punto de vista alternativo, o do valor turístico e evocativo do patrimonio cultural. A fin do franquismo e a promulgación da Lei 16/85 de Patrimonio Histórico Español supuxeron un punto de inflexión en canto aos criterios de intervención arquitectónica aínda que, nos exemplos analizados, pódese comprobar que a súa efectividade resultou moi desigual.

“Atopámonos ante un modelo único e innovador de contribución estatal á renovación do seu patrimonio que exerceu influencia a nivel internacional”, explica Cupeiro, á vez que sinala que é un dos primeiros produtos de turismo cultural da historia de España que mesmo nace nun período histórico previo á propia definición dese concepto. E aínda que a imaxe da rede cambiou nos útimos tempos, “continúa asociada a un estándar de calidade e a salvagarda do patrimonio cultural constitúe, a priori, un dos piares fundamentais do seu desenvolvemento aínda que na práctica os criterios económicos adoitan condicionar as intervencións”, matiza a doutora en Historia da arte.

The contents of this page were updated on 01.22.2016.