Skip to main content

Un workshop sobre xestión e computación xeospacial de datos LIDAR cita na EPS investigadores no eido da ordenación territorial

A xornada, promovida este martes polo Laborate da USC, comeza ás 10.30 horas e será retransmitida por videoconferencia a outros campus de Galicia

Unha reunión de traballo sobre xestión e computación xeoespacial baseada na obtención de datos que ofrece a tecnoloxía LiDAR cita este martes, a partir das 10.30 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, expertos na materia de recoñecido prestixio no eido da ordenación territorial, como é o caso do doutor en Xeografía Juan Suárez, quen na actualidade desenvolve a súa carreira profesional en Edimburgo, ademais de integrantes de diversos grupos de investigación.

Os distintos relatorios incluídos no programa deste workshop, promovido a iniciativa do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC, e durante o que se exporán diversas aplicacións prácticas destes sensores remotos na xestión territorial, serán retransmitidos a través de videoconferencia a outros campus de Galicia. Daquela, as sesións desenvolvidas no marco deste workshop xestión e computación xeoespacial poderán seguirse dende o Salón de Actos do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) da Universidade de Santiago de Compostela e dende o Salón de Graos da Facultade de Informática do Campus de A Coruña. O encontro, cuxa entrada é libe e de balde, rematará sobre as 12:00 horas, e está aberto á participación de estudantes, así como a docentes e a técnicos de administracións públicas ou empresas privadas, vinculados coa captura e procesado de datos procedentes de sensores remotos e coa xeración de cartografía.

The contents of this page were updated on 02.01.2016.