Skip to main content

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC á profesora Teodora Torres

A profesora Teodora Torres manten un constante contacto con docentes e investigadores da área de Dereito Civil. Foto: Servimav-USC
A profesora Teodora Torres manten un constante contacto con docentes e investigadores da área de Dereito Civil. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño impúxolle este mércores 30 a Insignia de Ouro da USC á profesora Teodora Torres nun acto no Salón de Graos do Colexio de San Xerome que reuniu unha numerosa representación do Departamento de Dereito Común da USC, entre os que se atopaban o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte; a catedrática de Dereito Civil, Mª Paz García Rubio; a directora e a secretaria do Departamento, Antonia Nieto Alonso e Margarita Cristina Herrero Oviedo, respectivamente; e profesorado desta mesma área, así como a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga.

Teodora F. Torres García, catedrática de Dereito civil da Universidade de Valladolid, foi profesora agregada de Dereito civil na Universidade de Santiago de Compostela en 1982, momento dende o que mantén unha intensa e permanente vinculación coa institución compostelá. Foi unha das primeiras catedráticas de Dereito civil da universidade española e está considerada como unha das mellores especialistas en Dereito de sucesións ademais de ter sido fundadora dunha reputada escola de ius privatistas con presenza na Facultade de Dereito da USC.

Como apuntou o reitor Juan Viaño no acto de imposición personificou en Teodora Torres “o expoñente da relevancia dos servizos que a Universidade de Valladolid, a través da súa escola de Dereito Civil, vén de prestar a esta nosa casa”. A intervención do reitor puxo de manifesto os múltiples vínculos que unen en distintas áreas as universidades compostelá e castelá.

O acto de imposición serviu de altofalante dunha sentida homenaxe e recoñecemento para quen “ ten manifestado unha vocación de servizo pouco habitual” que sinte a universidade “como institución fundamental do seu tempo” sinalou a profesora Margarita Cristina Herrero. Intervencións posteriores de Antonia Nieto e Mª Paz García Rubio destacaron a pegada “de rigor e responsabilidade” de Teodora Torres e como “artífice do vinculamento permanente con docentes e investigadores” da facultade compostelá no ámbito do Dereito Civil. A homenaxeada “foi e segue a ser o miolo dos nosos traballos, a referencia segura e a táboa á que sempre volvemos”, concluíu a profesora Nieto Alonso.

Pola súa banda, Teodora Torres manifestou a súa sorpresa e agradecemento por un “ recoñecemento de tanta emoción” por parte dunha “universidade de prestixio” coa que se reencontrou no mesmo Salón de Graos no que tomaba posesión en 1982 como profesora agregada. A profesora Torres tivo palabras de lembranza e agradecemento para o profesor José M. Lete del Río “que fixo que a miña estadía for o máis fácil posible”. A insignia de ouro da USC é unha distinción que se concede a aquelas persoas físicas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á Institución xa sexa por razón da duración ou continuidade dos mesmos ou pola súa especial relevancia ou significación.

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro da USC á Teodora Torres, en presenza do decano Gumersindo Guinarte e da profesora Antonia Nieto. Foto. Servimav-USC A homenaxeada xunto a compañeiros do Departamento, o reitor Juan Viaño e o ex reitor Juan Casares. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 03.30.2016.