Skip to main content

María José López Couso, reelixida decana de Filoloxía

María José López Couso, reelixida decana de Filoloxía
María José López Couso, reelixida decana de Filoloxía

A profesora de Filoloxía Inglesa no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá María José López Couso renovou o venres o seu cargo de decana da Facultade logo dunha votación na que obtivo 126 votos a favor e 11 brancos.

A López Couso acompañarana no equipo para os vindeiros catro anos Javier Gutiérrez Carou (Filoloxía Italiana), Elisa Fernández Rei (Filoloxía Galega) e María do Cebreiro Rábade Villar (Teoría da Literatura e Literatura Comparada) á fronte dos vicedecanatos e Víctor Longa Martínez (Lingüística Xeral) como secretario. Como retos para o novo mandato destacan o seguimento, viabilidade e acreditación dos 5 graos e 6 mestrados e mellorar as políticas de incorporación do estudantado que chega á Facultade por medio de distintos programas de mobilidade e de captación e que supón arredor dun 30% do total que recibe a USC.

A mellora de recursos de apoio á docencia e á investigación, a ampliación dos vínculos da Facultade coa súa contorna e facer máis visible á sociedade a actividade docente e investigadora e mesmo a de extensión cultural son outros dos propósitos que se marca o equipo de goberno de Filoloxía.

López Couso
María José López Couso, profesora titular acreditada para ao acceso ao corpo de catedráticos, levou a cabo nos últimos anos levou docentes e de investigación nas universidades de Edimburgo, Friburgo, Glasgow, Helsinki, Jaén, Málaga, Manchester, Múnich, Murcia, Vigo e University College London (Survey of English Usage).

Forma parte do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization que dirixe a profesora Teresa Fanego e no que dirixiu varias teses de doutoramento e leva a cabo labores de compilación e desenvolvemento de corpus lingüísticos computarizados . A súa investigación está enmarcada nas áreas da variación e o cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular en procesos de gramaticalización, construcionalización e (inter)subxectivización en ámbitos como as estruturas parentéticas, os marcadores pragmáticos, as construcións existenciais e a complementación clausal.

Ten publicado un bo número de artigos en revistas indexadas no JCR como Language Sciences, Corpus Linguistics and Linguistic Theory, Journal of Historical Pragmatics, Folia Linguistica, English Language and Linguistics, Journal of English Linguistics ou Folia Linguistica Historica. É tamén autora de numerosos capítulos de libro en editoriais internacionais de recoñecido prestixio, como Mouton de Gruyter, Cambridge University Press, John Benjamins e Oxford University Press, así como co-editora dos seguintes volumes: English historical syntax and morphology (2002), Rethinking grammaticalization: New perspectives (2008), Theoretical and empirical issues in grammaticalization (2008), Information structure and syntactic change in the history of English (2012) e Corpus linguistics on the move: Exploring and understanding English through corpora (2016).

Ademais de formar parte dende o ano 2009 do Comité Executivo de ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English), ocupou cargos de responsabilidade noutras asociacións, como as Españolas de Estudios Anglo-Norteamericanos, de Lingüística Aplicada ou a de Lingüística de Corpus.

The contents of this page were updated on 03.07.2016.