Skip to main content

Estudan nunha tese cómo minimizar o impacto contaminante dos compostos farmacéuticos e de coidado persoal nas augas residuais

Eduardo Fernández, cuarto pola esquerda, cos directores da tese e membros do tribunal avaliador
Eduardo Fernández, cuarto pola esquerda, cos directores da tese e membros do tribunal avaliador

Os compostos farmacéuticos e de coidado persoal son microcontaminantes orgánicos que están a gañar cada vez maior atención debido á súa liberación continua ao medio ambiente nos efluentes de estacións depuradoras de augas residuais (EDAR).

Diante desta situación, o enxeñeiro químico Eduardo Fernández Fontaíña estudou na súa tese de doutoramento o comportamento destes microcontaminantes orgánicos emerxentes nos reactores de lamas activas, centrándose principalmente nos mecanismos de biotransformación e a forma na que están influenciados polos diferentes parámetros operacionais.

Os resultados da investigación doutoral, que recibiu a mención Internacional e a cualificación de Sobresaliente cum laude, proporcionan novos coñecementos sobre os diferentes mecanismos e parámetros involucrados na eliminación de microcontaminantes orgánicos emerxentes nas EDAR, e permiten aportar solucións tecnolóxicas coa fin de minimizar o seu impacto no medio ambiente.

A comisión avaliadora da tese ‘Removal mechanisms of organic micropollutants in activated sludge reactors’ que dirixiron os Profesores Marta Carballa Arcos e Juan M. Lema Rodicio, do Departamento de Enxeñaría Química, estivo formada por Philippe Corvini, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Suíza; Amadeo Rodríguez, da Universidade de Almería; Alette Langenhoff, da Universidade Wageningen de Holanda; Ignasi Rodríguez Roda, da Universidade de Girona, e Sonia Suárez, da USC.

The contents of this page were updated on 03.10.2016.