Skip to main content

Crean nanoesferas capaces de transportar ións con carga negativa a través da membrana celular

Investigadores da USC describiron un novedoso proceso de recoñecemento de anións inorgánicos –c omo son os cloruros ou carbonatos- empregando pequenos péptidos cíclicos. Os ións son átomos ou moléculas moi habituais na natureza que se caracterizan pola súa carga eléctrica. Así, se esta carga é de signo positivo coñécense como catións e se é negativa como anións. Un exemplo son os ácidos nucleicos –o ADN ou o ARN-, longos polímeros aniónicos cunha elevada carga negativa.

A desregulación do cloruro, o carbonato ou o fostato –anións inorgánicos nos fluídos extracelulares- está asociada a enfermidades como a fibrose quística ou a mineralización ósea. Por este motivo, a aproximación dos químicos/as a este tipo de trastornos, baséase no desenvolvemento de métodos de síntese que permitan en primeiro lugar o recoñecemento selectivo dun determinado tipo de ión, para posteriormente abordar o seu transporte dende o interior das células ou ata ese mesmo punto.

O equipo coordinado polo profesor do Departamento de Química Orgánica Juan Granja e integrado pola investigadora Nuria Rodríguez Vázquez e o doutor Manuel Amorín en colaboración co doutora Ignacio Alfonso, do IQAC-CSIC presenta os seus resultados nun artigo na revista Angewandte Chemie, unha das de maior impacto no ámbito da química a nivel mundial. O proceso descrito polos investigadores do CIQUS prodúcese como consecuencia da unión de ambos os dous compoñentes (anións e péptidos cíclicos) que se asocian para dar lugar a unhas pequenas esferas de tamaño nanométrico. Os anións acaban integrándose na estrutura destas nanoesferas conseguindo atravesar as membranas celulares de forma eficiente e facilitando así o tránsito dos ións dun lado ao outro da membrana.

Os investigadores explican ademais que o carácter peptídico destas esferas e a reversibilidade da súa formación fainas especialmente atractivas de cara á súa posible utilización en procesos biolóxicos, como aqueles nos que sexa necesario interferir regulando de forma precisa o fluxo dos anións.

The contents of this page were updated on 03.17.2016.