Preséntase en Santiago e Lugo o programa de valorización ‘Acelerador de Transferencia’ da USC
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC organiza dúas xornadas de presentación do programa de valorización ‘Acelerador de Transferencia’, que se desenvolverán este mércores 29 e o xoves 30 nos Campus de Lugo e Santiago, respectivamente. Quen desexe asistir debe inscribirse previamente.
O Acelerador ten como obxectivo facilitar a transferencia ao mercado de resultados de investigación xerados polos grupos da USC. A presentación correrá a cargo de representantes da USC e contará ademais coa participación de grupos de investigación que foron seleccionados en edicións anteriores para desenvolver os seus proxectos de valorización.
A xornada en Lugo terá lugar no Edificio CACTUS a partir das 11.00 horas. Comezará coa presentación do vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. A continuación o director da AVTE, José Luis Villaverde Acuña, explicará as características do programa e as súas fases. A xornada rematará coa presentación de dous casos de éxito do Acelerador, o do profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández e o do profesor do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmaceútica Francisco Otero Espinar.
En Santiago, a sesión do día 30 desenvolverase a partir das 12.30 no CIQUS coa intervención da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e de José Manuel Cotos. Logo da presentación do programa a cargo de José Luis Villaverde terá lugar a exposición dos casos de éxito de Marta Lores Aguín, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, e de Arturo Casal Villar, investigador predoutoral no CiTIUS.