Skip to main content

Franco Abuín ingresa na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia cun alegato a prol do “saudable” consumo de carne

Carlos Franco, no centro, acompañado do presidente e numerarios da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
Carlos Franco, no centro, acompañado do presidente e numerarios da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia
O catedrático da USC Pablo Díez Baños deu a réplica ao novo académico de número no marco dunha concorrida cerimonia celebrada no compostelán Pazo de San Roque

O profesor do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Carlos Manuel Franco Abuín vén de formalizar o seu ingreso como membro numerario da Academia de Ciencias Clínicas Veterinarias de Galicia cun discurso no que fixo un acendido alegato en defensa do consumo de carne e demais alimentos de orixe animal.

O novo académico de número documentou na súa intervención de ingreso a orixe do ser humano como consumidor de alimentos de procedencia animal, ao tempo que expuxo as vantaxes deste tipo de comportamentos desde a óptica da nutrición humana, xa que este conxunto de alimentos constitúen unha importante fonte de proteínas, ademais de reportar importantes cantidades de micro nutrientes minerais. Franco Abuín non só argumentou as bondades do consumo de carne e doutros produtos de orixe animal, senón que tamén lembrou datos que poñen de manifesto que os produtos alimenticios de orixe vexetal están expostos a múltiples perigos e xeran un gran número de alertas por mor da presenza de funxicidas e outros compostos perigosos para as persoas que, en moitos casos, presentan un nivel de concentración superior ao contido en alimentos de orixe animal. O tamén responsable de calidade do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da USC relatou asemade como los alimentos cárnicos e lácteos poden ser enriquecidos en sustancias que melloran as súas características e os fan moito máis saudables e nutritivos. Asemade, Franco Abuín tamén sinalou a posibilidade de minimizar moitos dos seus compoñentes negativos, tales como a graxa, como argumento engadido na defensa deste tipo de produtos. O novo académico abundou neste senso na convición de que os alimentos de orixe animal son unha base fundamental da alimentación das persoas. Este tipo de produtos son perfectamente saudables en todos os sentidos, polo que, de seguro, a poboación seguirá a consumilos no futuro. O novo membro de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia restou importancia ás polémicas que de vez en cando se xeran arredor do consumo de alimentos de orixe animal, ao tempo que amosou o desexo de que se reconduzan este tipo de situacións cara unha senda máis positiva, sobre todo conforme o incremento do consumo deste tipo de produtos nos países menos desenvolvidos se manifeste como unha ferramenta xeradora dun mellor estatus de saúde para a poboación. O discurso de ingreso pronunciado por Carlos Manuel Franco Abuín no seu acto de toma de posesión como membro de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia recibiu a réplica do tamén académico e catedrático da USC Pablo Díez Baños, no marco dunha concorrida cerimonia desenvolvida no compostelán Pazo de San Roque e, na que entre outros, participaron o presidente da academia, José Luis Factor Rodríguez, e a secretaria xeral da entidade, a tamén catedrática e profesora na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, María Patrocinio Morrondo Pelayo.

The contents of this page were updated on 06.15.2016.