Skip to main content

A USC inviste este venres como doutores honoris causa a Enric Trillas e Jean-Michel Uhaldeborde

A Universidade de Santiago investirá este venres 17 como doutores honoris causa aos catedráticos de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Enric Trillas e de Economía Jean-Michel Uhaldeborde. O acto comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor Juan Viaño e será retransmitido en directo por USC-TV.

Trillas
O matemático Enric Trillas, investigador emérito do European Centre for Soft Computing, é proposto polo Departamento de Electrónica e Computación “pola súa indubidable valía científica e docente e a súa constante dispoñibilidade a colaborar coa USC en todas cantas iniciativas se lle teñen proposto”. No acto intervirá como padriño o catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC Senén Barro Ameneiro.

O catedrático catalán referente no campo científico da lóxica difusa, primeiro da Universidade Politécnica de Cataluña e logo da Politécnica de Madrid, foi presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nos anos 80 e en 2006 xa recibira a Insignia de Ouro da USC.

Uhaldeborde
Pola súa banda, o catedrático de Economía da Université de Pau et des Pays de l’Adour (Francia) Jean-Michel Uhaldeborde é proposto polo Departamento de Economía Aplicada da USC co que iniciou nos anos 80 unha relación investigadora, concretamente coa sección de Facenda Pública. O catedrático de Economía Aplicada da USC Luís Caramés será o padriño no acto de investidura.

O profesor francés é especialista no campo da economía e as políticas públicas, particularmente nas que se refiren ao desenvolvemento local e o seu financiamento, sendo considerado hoxe unha referencia europea na materia.

The contents of this page were updated on 06.16.2016.