Skip to main content

A USC aborda nun curso de verán en Mondoñedo a educación na natureza e as intervencións asistidas con animais

Cartaz da Universidade de Verán 2016
Cartaz da Universidade de Verán 2016

' A educación na natureza e as intervencións asistidas con animais’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 20 ao 23 de xullo no auditorio municipal ‘Pascual Veiga’ do concello de Mondoñedo.

Estruturado en 28 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 participantes, este programa formativo e de divulgación, dirixido pola profesora da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, afonda nos múltiples recursos e vantaxes que reportan tanto a natureza como os animais nos procesos educativos. O profesor do Departamento de Historia e Teoría da Educación USC e director do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, Uxío Otero Urtaza, abrirá a quenda de relatorios deste foro cunha exposición sobre a relación entre educación e natureza, desde a perspectiva histórica ata as tendencias actuais. A presidenta da asociación Nenea, Bibiana Martul, pechará as intervencións da xornada inaugural deste curso cun relato sobre intervencións asistidas con cans no eido educativo. As intervencións asistidas con animais, características e tipos, benestar animal e saúde pública e granxas escolas como espazos acaídos para desenvolver a educación emocional, centrarán a temática dos relatorios programados na segunda xornada deste foro, cuxos participantes viaxarán ao día seguinte ata Ponferrada para visitar a Cuadra de Santa Bárbara, onde poderán participar en intervencións asistidas con cabalos, da man de membros do equipo Rebican. A presentación de proxectos de educación na natureza en Galicia, tales como o son os programas Nenea, Medrar Creando, de Lugo, e Amadahi, Bosque de Auga, da Coruña, e a realización dunha gymkana literaria con cans polas rúas mindonienses, servirán para pechar a programación deste curso de verán da USC o 23 de xullo. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

The contents of this page were updated on 06.21.2016.