Skip to main content

Comezou en Lugo a presentación dunha nova edición do Acelerador de Transferencia da USC

Asistentes á xornada de Lugo
Asistentes á xornada de Lugo
A mesma xornada terá lugar en Santiago este xoves

A Universidade de Santiago presenta esta semana en dúas xornadas en Lugo e Santiago o programa ‘ Acelerador de Transferencia’ que organiza a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE). O Acelerador é unha iniciativa orientada a facilitar a transferencia ao mercado de resultados de investigación xerados polos grupos da USC.

A presentación corre a cargo de representantes da USC e conta ademais coa participación de grupos de investigación que foron seleccionados en edicións anteriores para desenvolver os seus proxectos de valorización para achegar a súa experiencia ao paso por este programa.

A xornada en Lugo ten lugar este mércores no Edificio CACTUS. Comezou coa presentación do vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. A continuación o director da AVTE, José Luis Villaverde Acuña, explicou as características do programa e as súas fases. A xornada remata coa presentación de dous casos de éxito do Acelerador, o do profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria Gonzalo Fernández e o do profesor do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmaceútica Francisco Otero Espinar.

Santiago, día 30
En Santiago, a sesión do día 30 desenvolverase a partir das 12.30 no CIQUS coa intervención da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e de José Manuel Cotos. Logo da presentación do programa a cargo de José Luis Villaverde terá lugar a exposición dos casos de éxito de Marta Lores Aguín, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, e de Arturo Casal Villar, investigador predoutoral no CiTIUS.

De esquerda a dereita, José Luis Villaverde, Andrés Barreiro e José Manuel Cotos

The contents of this page were updated on 06.28.2016.