Skip to main content

O Journal of Physics A premia un artigo do profesor José Luis Miramontes

Foto: Journal of Physics A
Foto: Journal of Physics A

A revista científica Journal of Physics A, publicada polo Institute of Physics, vén de recoñecer cos premios que anualmente concede aos mellores artigos científicos un traballo realizado polo catedrático da Facultade de Física José Luis Miramontes e que asina conxuntamente co profesor Timothy J Hollowood, da Universidade de Swansea (Reino Unido), e o doutor David M Schmidtt, do Instituto de Física Teórica de Sao Paulo (Brasil).

O profesor Miramontes leva traballando durante anos co profesor Hollowood na aplicación da propiedade coñecida como integrabilidade ao estudo das teorías de campos e teorías de cordas en relación coa física de partículas. Os dous investigadores comezaron a colaborar co doutor Schmidtt hai catro anos mentres este realizaba unha estancia posdoutoral na USC.

O artigo premiado, ‘ An integrable deformation of the AdS5 × S5 superstring’, enmárcase no estudo da correspondencia AdS/CFT, unha conxectura formulada polo profesor Maldacena hai case vinte anos que se refire á equivalencia entre unha teoría de cordas, que describe a interacción gravitatoria, e unha teoría de campos conforme, que describe interaccións similares ás que gobernan a física de partículas. A conxectura deste físico arxentino foi un dos avances máis importantes da física teórica da década dos 90.

No artigo do profesor Miramontes e os seus colaboradores proponse unha xeneralización da teoría de supercordas no espazo-tempo AdS5xS5 que utiliza a propiedade de integrabilidade e que podería conducir a unha xeneralización da equivalencia proposta por Maldacena.

The contents of this page were updated on 06.23.2016.