As saídas profesionais e a formación de posgrao en Relacións Laborais e Recursos Humanos centran un foro no campus de Lugo

As saídas profesionais que ofrece o título de grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos centrarán o martes 30 de abril, a partir das 9.30 horas, un foro informativo e de análise no salón de graos da Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo. Esta actividade, promovida polo centro universitario lugués en colaboración coa Área de Orientación e Inserción Laboral da USC é de acceso libre e de balde para todas as persoas interesadas.
A directora da Academia Postal, Gélica Cendán, abrirá a quenda de intervencións desta xornada cun relatorio sobre o acceso á administración pública. A continuación, dende o Colexio de Graduados Sociais de Lugo abordarase o exercicio da profesión de graduado/a social. O exercicio profesional na empresa será o eixe temático da mesa redonda na que intervirán como relatores Mónica González Dorado, responsable de RRHH na empresa ABANTE B.P.O.; Pilar Delgado Jul, do Departamento de Administración do Hospital Ollos Grandes, e Alberto Pallín Novo, responsable de Organización e Seguridade da Caixa Rural de Lugo.
A técnico da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, ofrecerá a mediodía unha charla informativa sobre as pautas a seguir para a procura de emprego. A xornada pecharase xusto a continuación cunha sesión dedicada á formación de posgrao, na que intervirán como relatores Guillermo Álvarez de Neyra, coordinador do Máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos, e Ana Victoria Santín Sánchez e María Gómez Barreiro, en representación do Máster de Orientación Laboral e do Máster en Igualdade de Oportunidades e Xénero na empresa.