Skip to main content

Mentoring USC, un paso máis para facilitar a empregabilidade do estudantado

O acto de clausura tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos (Foto: SERVIMAV USC)
O acto de clausura tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos (Foto: SERVIMAV USC)
Este mércores clausurouse a primeira edición, na que participaron preto dun cento de mentores e outros tantos mentorizados

“Sen dúbida, a mellor mostra da responsabilidade social da universidade é permitir a empregabilidade dos seus titulados e tituladas”. Baixo esta premisa xirou o discurso do reitor Juan Viaño no acto de clausura da primeira edición do Programa Mentoriong USC dirixido a facilitar o contacto entre o alumnado de último curso con directivos e profesionais para que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.

A cerimonia, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos coa asistencia dos case un cento de mentores e outros tantos estudantes mentorizados, serviu ademais para agradecer a dedicación dos profesionais que participaron no proceso e que, segundo o reitor, achegaron “seguridade e confianza” ao alumnado de cara á saída da facultade. “Agora tedes unha visión do panorama profesional do día a día do voso campo de traballo cunha figura de referencia, un enlace para acceder ao mundo laboral que, quen sabe, algún día pode ser o voso empregado, socio ou xefe”, díxolles Viaño aos estudantes.

Neste senso, o alumnado fai en xeral unha valoración positiva do programa, destacando non só a información coa que agora conta acerca das tendencias actuais do mercado laboral senón tamén cómo os seus mentores o axudaron a reflexionar sobre os seus puntos fortes de cara a fixar e acadar as súas metas profesionais.

Todas as persoas participantes recibiron un diploma que acredita a súa colaboración nestes últimos catro meses no proxecto que impulsou a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social a través da área de orientación laboral e que ten como finalidade crear un espazo propio para conectar e acompañar aos estudantes no seu proceso de achegamento ao mercado laboral, permitindo un papel máis eficiente na busca de emprego.

Neste acto de clausura participaron ademais a vicerreitora de Estudantes, Dolores Álvarez; o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois; a alumna Andrea Campañó e a mentora María Caeiro.

De dereita a esquerda, Dolores Álvarez, Alberto Díez de Castro, Juan Viaño e Marta Lois (Foto: SERVIMAV USC)

The contents of this page were updated on 06.01.2016.