O VI Foro sobre Pobreza e Exclusión social ten lugar este mércores en Económicas
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle este mércores 30 o VI Foro sobre Pobreza e Exclusión social que, baixo o lema ‘Crecemento inclusivo, emprego digno e loita contra a pobreza’, organiza EAPN Galicia-Rede Galega contra a Pobreza, a federación que agrupa a 128 entidades que en Galicia traballan contra a pobreza e a exclusión social. Colaboran a facultade compostelá e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.
A xornada profundará nos retos das diferentes políticas de emprego e inclusión social (formación, orientación, emprego con apoio, garantía xuvenil, etcétera) e analizará cómo aumenta o impacto que teñen nas persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión e a imprescindible coordinación entre e dentro das administracións e co Terceiro Sector Social.
Como noutras edicións, o foro comezará coas demandas xurdidas dos diferentes seminarios de participación para continuar cunha conferencia de Juan Pedro Velázquez-Gaztelu, un dos impulsores da revista Alternativas Económicas, e un dialogo con xornalistas de economía galegos, empresas e ONG especializadas. Pola tarde, terán lugar catro diálogos simultáneos cuxas conclusións serán a base das demandas de EAPN Galicia en materia de emprego.