Investigadores do Campus Terra da USC idean unha spin-off para avaliar toxicidade e eficacia de nanocompostos en peixe cebra
A creación dunha spin-off ou empresa baseada na prestación de servizos de avaliación da toxicidade e da eficacia de nanocompostos nun organismo modelo como é o peixe cebra sintetiza as pretensións e os obxectivos do proxecto Zabrananotox, unha iniciativa aínda en fase embrionaria promovida por Carlha Rodmar Gutiérrez Lovera, investigadora de nacionalidade venezolana que está a desenvolver a súa tese de doutoramento no grupo ZebraBioResh, con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, baixo a dirección das profesores Laura Sánchez Piñón e María de la Fuente.
O proxecto Zebrananotox xurde como unha iniciativa de emprendemento que posibilitaría a explotación por parte dunha empresa de servizos xa creados polos investigadores do grupo ZebraBioRes (Zebrafish Biological Research) do Departamento de Xenética da USC. O interese espertado por esta liña de investigación innovadora e a súa conseguinte proposta de negocio relacionada fixo a Carlha Rodmar Gutiérrez Lovera merecedora dunha das bolsas BoosterWE, concedidas pola Rede Emprendia e coa que está a completar unha estadía en Santiago de Chile na empresa biotecnolóxica Danio Biotech, ademais de reportalle o primeiro galardón na segunda edición do Premios IdeaLugo á innovación e o emprendemento, un certame convocado polo Grupo El Progreso, Abanca e a USC que pretende aumentar a visibilidade do talento existente no Campus Terra da USC. Gutiérrez Lovera entende que existen moitos motivos para confiar na viabilidade e no futuro éxito de Zabrananotox, un proxecto de empresa que é unha realidade grazas ao esforzo e á brillantez dos investigadores do grupo ZebraBioRes e cuxa actividade estaría estreitamente ligada á Nanotecnoloxía, unha área que está a experimentar un crecemento moi acelerado e cara a que Zebrananotox dirixiría a maior parte da súa oferta de servizos. As numerosas vantaxes e prestacións que reporta o emprego do peixe cebra como organismo modelo respecto doutras alternativas, constitúe na opinión de Gutiérrez Lovera outra garantía de éxito. “O uso dun organismo modelo recente é innovador como é o peixe cebra outorgará unha distinción marabillosa aos servizos prestados por Zebrananotox, ao tempo que facilitará a empresas e institucións acceder en menos tempo, a baixo custe e de forma válida, a información valiosa das súas mostras para a posterior posta a punto dos seus produtos ou servizos”, dixo. Outra das prestacións que podería ofrecer Zebrananotox a curto prazo, tal e como se recolle no seu plano de I+D+i, é a referida a ensaios de eficacia de antitumorais a doentes de Oncoloxía, a través de xenotrasplantes en individuos de peixe cebra. Este tipo de estudos permitirán que os doentes poidan coñecer en pouco tempo qué tipo de antitumoral é o máis acaído para súa doenza.