Skip to main content

O IV Encontro Mocidade Investigadora celebrarase este xoves e venres en Ciencias da Comunicación

Participarán preto de 300 novos investigadores e investigadoras

Preto de 300 asistentes e semellante número de comunicacións orais e pósteres son as cifras máis significativas do IV Encontro Mocidade Investigadora que se celebrará este xoves 9 e o venres 10 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Inaugurarao ás 10.00 horas a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, xunto a quen tamén intervirán o director da Escola de Doutoramento Internacional (EDI), Xosé Ramón Leis Fidalgo; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ramón Pousa Estévez; e Estrella Sánchez Rebordelo e Lucia Rey Ares.

O Encontro diríxese a novos investigadores/as para fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os membros dos diversos programas de doutoramento da USC. A iniciativa que este ano celebra a súa cuarta edición, como novidade nesta ocasión está integramente coordinada por estudantes de doutoramento que organizaron todas as sesións ademais de formular as temáticas das sesións plenarias en función dos intereses do alumnado.

Logo da sesión inaugural, a partir das 10.30 horas celebrarase a primeira sesión plenaria sobre cómo publicar estratexicamente os resultados de investigación, na que participarán as profesoras María Loureiro García e Ofelia Rey Castelao, ademais do director co Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Carlos Diéguez González. Esta dará paso a dúas sesións paralelas de presentación de comunicacións, organizadas por áreas de coñecemento: Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas. A primeira xornada rematará cunha mesa redonda sobre como afrontar unha estadía de investigación.

O programa do venres 10 comezará ás 10.00 horas cunha reflexión arredor de ‘Por fin doutor/a, e agora que?’. Está previsto que interveñan o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella Anido; o director da unidade mixta Repsol-Itmati, Alfredo Bermúdez de Castro; o socio-fundador de Situm-Technologies. Víctor Álvarez Santos; e o presidente de Red Emprendia, Senén Barro Ameneiro. A sesión matinal e a primeira da tarde incluirán outras dúas sesións paralelas de presentación de comunicacións. O catedrático Ángel Carracedo impartirá ás 18.00 horas a conferencia plenaria cunha reflexión sobre ‘Como trazar unha carreira investigadora de éxito?’. No acto de clausura, a partir das 19.00 horas, participarán a secretaria da EDI, Sara Fernández López; a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; e Cristina Gómez Román e Cristina Blanco García, en representación do comité organizador.

The contents of this page were updated on 06.08.2016.