Skip to main content

A USC e a Consellaría de Educación asinan un convenio para impulsar a investigación en biomedicina e física

Asinaron o acordo o reitor Juan Viaño e o conselleiro Román Rodríguez (Foto: SERVIMAV-USC)
Asinaron o acordo o reitor Juan Viaño e o conselleiro Román Rodríguez (Foto: SERVIMAV-USC)
A consellaría destinará máis de 900.000 euros para apertura e posta en funcionamento do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e mellorar os espazos da Facultade de Física

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este luns un convenio de colaboración coa fin de impulsar a investigación universitaria nas áreas de biomedicina e biotecnoloxía así como na de física. O acordo, que conta cun investimento da Consellaría de máis de 900.000 euros, permitirá a posta en marcha e adecuación de espazos ao nivel de excelencia que esixen proxectos transcendentais que se están a desenvolver na USC e que axudan a consolidar o Campus de Excelencia Internacional ‘Campus Vida’ como un polo de referencia internacional no ámbito da biomedicina e da biotecnoloxía.

Por un lado, permitirá a apertura e posta en funcionamento do Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA), un gran centro de experimentación que naceu coa misión de centralizar e satisfacer a demanda de animais de laboratorio de calidade, definidos ética, legal, sanitaria e xeneticamente, e de infraestruturas para a realización das máis avanzadas técnicas de experimentación biomédica.

Para dar resposta a estas necesidades, así como para garantir a apertura e a súa posta en funcionamento, a Xunta financiará os sistemas de control, monitorización de instalacións, seguridade, sinalética e comunicacións; o equipamento sanitario, de esterilización, desinfección e servizos varios; o equipamento científico auxiliar; así como o mobiliario de apoio e dotación de vestiarios e baños. Ademais, tamén se fará cargo da obra de urbanización do entorno do edifico.

Este centro ten a visión de converterse nunha grande infraestrutura singular que preste servizo a toda a comunidade biomédica no conxunto da eurorrexión que conforma Galicia e o norte de Portugal, así como o noroeste español. O CEBEGA prestará servizo a todos os axentes do Biocluster de Ciencias da Vida integrados no Campus de Excelencia Internacional Campus Vida, en particular grupos de investigación universitarios, institutos de investigación sanitaria de Galicia, OPIs (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, CSIC,...) pero tamén a actores do sector empresarial no ámbito da biomedicina, a biotecnoloxía e a agroalimentación.

Física
Por outra banda, o acordo permitirá a adecuación de laboratorios e espazos de investigación na Facultade de Física para apoiar as actividades científicas da Agrupación Estratéxica de Física Fundamental e Aplicacións na Tecnoloxía e a Saúde (AEFIS) impulsando o desenvolvemento de estratexias colaborativas dos grupos que se integran na Agrupación. Complementariamente, con esta iniciativa habilitaranse espazos para acoller a implementación de proxectos Starting Grant financiados polo Consello Europeo de Investigacion, (European Research Council) liderados por investigadores asociados á citada agrupación.

Na sinatura estiveron presentes, ademais do conselleiro e o reitor, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta, María Jesús Nieto Tallón; o director do CEBEGA, Anxo Vidal Figueroa; a secretaria da Facultade de Física, Elena López; e o investigador Starting Grant Carlos Salgado.

As autoridades visitaron as instalacións das estruturas de invstigación (Foto: SERVIMAV-USC)

The contents of this page were updated on 06.13.2016.