Skip to main content

Os Coloquios en Compostela 2016 debaten sobre os antigos e novos desafíos en materia de sanidade e migracións

Na inauguración, (de esquerda a dereita) Julio Hernández Borge, José Miguel Andrade e Domingo González Lopo
Na inauguración, (de esquerda a dereita) Julio Hernández Borge, José Miguel Andrade e Domingo González Lopo

Os Coloquios en Compostela celébranse esta semana no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, e na Facultade de Filosofía co lema ‘Migracións e sanidade: antigos e novos desafíos’. Esta é unha actividade que organiza a Cátedra Unesco 226 sobre Migracións e cuxo comité organizador encabeza o profesor Julio Hernández Borge.

A conferencia inaugural tivo lugar o xoves no Paraninfo a cargo do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e levaba por título ‘Migracións e saúde pública: realidades e mitos’. O venres 11 o programa desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da man de Manuel Barreiro de Acosta para falar da influencias dos fenómenos migratorios na enfermidade inflamatoria intestinal, a quen seguirá Elena Rego Romero e José Antonio Taboada Rodríguez da Dirección Xeral de Saúde Pública para disertar sobre as necesidades vacunais e a incidencia de tuberculose e VIH no colectivo de persoas inmigrantes e refuxiados/as, respectivamente. Completará a sesión matinal Luisa Fernanda Peleiteiro Pensado, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, referíndose á saúde mental en inmigrantes e refuxiados.

Pola tarde, a partir das 16.30 horas, a psicopatoloxía do retorno migratorio dende o punto de vista dos procesos correctores comunitarios será o tema do relatorio que abordará a continuación Alexandre García Caballero do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, mentres que María Antonio Lopes, da Universidade de Coimbra referirase aos hospitais como xeradores de mobilidade en Portugal durante o XIX. Alexandre Esteves, da Universidade de Minho, e Baudilio Barreiro Mallón, da Universidade da Coruña, presentarán os seus relatorios sobre o cólera no norte de Portugal e sobre a relación entre migracións e tráfico comercial ante o cólera en Galicia entre 1832 e 1855.

The contents of this page were updated on 11.09.2016.