Aberta a inscrición no obradoiro de potencialidades individuais que se celebrará os días 14 e 15 en Formación do Profesorado
O Programa de Formación para a Empregabilidade da Vicerreitoría de Estudantes Cultura e Responsabilidade Social da USC mantén aberta a inscrición no obradoiro que se desenvolverá os vindeiros 14 e 15 de novembro na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo baixo o título ‘Como descubrir e desenvolver a potencialidade individual’.
O obxectivo desta actividade encádrase na mesma filosofía do programa e non é outro que o de axudar aos estudantes a desenvolver o seu talento e creatividade de cara a adquisición de competencias que melloren as súas oportunidades de inserción profesional. As sesións incluídas no programa ‘ Como descubrir el desenvolver a potencialidade individual’ serán impartidas por Susana Mosquera e as clases desenvolveranse en quenda de tarde, de 16.00 a 19.00 horas, nas aulas 20 e 21 da Facultade de Formación do Profesorado. A inscrición neste obradoiro permanece aberta na súa web e é de carácter gratuíto para o estudantado da USC, mentres que o resto das persoas interesadas deberán pagar 20 euros. As persoas que opten por completar a formación deste programa terán a oportunidade de traballar con ferramentas propias para o desenvolvemento da intuición, descubrindo a través dos nosos pensamentos, das crenzas, da atención e da nosa capacidade de escoita e observación, a potencialidade da intuición e tomando conciencia das vantaxes que isto supón para o no noso día a día. Así, da man de Susana Mosquera o alumnado aprenderá ferramentas sinxelas para desenvolver a intuición, ademais de promover o afrontamento dos retos dende distintos puntos de vista e traballando con técnicas para conseguir resolver problemas aplicando diferentes perspectivas. A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago acollerá o vindeiro 17 de novembro outro dos obradoiros incluídos neste Programa de Formación para a Empregabilidade promovido pola USC que aínda ten aberto o prazo de inscrición. Trátase da sesión ‘ Coaching para a potenciación das capacidades persoais e a consecución de metas’, que será impartida polo coach Jorge Salinas.