Skip to main content

Un novo mapa xenético da Península Ibérica revela o legado de movementos poboacionais de séculos de antigüidade

Detalle dos distintos agrupamentos xenéticos identificados ao longo do territorio peninsular
Detalle dos distintos agrupamentos xenéticos identificados ao longo do territorio peninsular
Foi elaborado por investigadores das universidades de Santiago e Oxford a partir dos datos de 1.413 persoas

Un novo estudo sobre a distribución xenética de máis de 1.400 individuos de toda España demostra que os patróns xenéticos en individuos modernos foron moldeados polos movementos de poboación dos últimos mil anos. Ademais, o novo traballo de investigación desenvolvido por investigadores das universidades de Santiago e Oxford mostra que nalgunhas rexións existen patróns discernibles de diferencias xenéticas entre individuos que viven a unha distancia de dez quilómetros. Este equipo internacional analizou mostras de ADN de máis de 1.400 persoas para xerar o primeiro mapa xenético a escala fina de España e comprender el impactos da migración en España na poboación actual. Os resultados da investigación acaban de ser publicados por Nature Communication nun artigo que asinan o catedrático da USC Ángel Carracedo, e Simon Myers, Peter Donnelly e Clare Bycroft, da Universidade de Oxford.

A investigación identifica diferencias xenéticas máis fortes no eixo imaxinario que vai do este ao oeste da Península, así como mostras de movementos históricos de poboación que transcorren de norte a sur en España. A autora principal do estudio, Clare Bycroft, explica que estes patróns reflicten a historia singular da Península Ibérica e, tendo en conta unicamente o seu ADN, apuntan "a agrupación de individuos modernos cuxos límites xeográficos coinciden estreitamente cos de distintos reinos, cos seus respectivos idiomas, presentes hai máis de 500 anos".

A partir do exame dos patróns de intercambio de ADN entre individuos da Península Ibérica e doutras partes do mundo, o equipo de xenetistas puido identificar a presenza de ata un 10% de ascendencia do noroeste de África en habitantes modernos da Península, incluíndo individuos de Portugal. O equipo de investigadores estima que este ADN data de arredor dos anos 860-1120, un período de migración de poboación procedente da actual Marrocos durante o dominio musulmán de España. Máis recentemente, producíronse migracións de persoas de ascendencia vasca cara o sur atravesando a Península.

Historicamente, seguindo a chegada de aproximadamente 30.000 combatentes, tamén se rexistrou unha migración civil dun número descoñecido de persoas, estímase que principalmente foron bérberes procedentes do norte de Marrocos que se instalaron en diversos puntos da Península Ibérica. As análises previas darían conta de que este movemento tería producido un “impacto xenético substancial e xeneticamente variable”.

Ademais, os resultados acadados implican a predominancia de ADN procedente do noroeste de África durante a emigración. No conxunto do territorio español, a presenza de ancestros de orixe africana ocorreu en todos os grupos, se ben os niveis son menores no País Vasco e na zona correspondente co espazo no que se asentaba a Coroa de Aragón durante o século XIV.

En conxunto, estes resultados indican que os movementos poboacionais de séculos de antigüidade asociados coa conquista musulmá e a posterior ‘Reconquista’ deron forma á xenética moderna da Península. O interese de estudar esta rexión de Europa, radica en opinión dos autores do traballo no feito de que “a Península Ibérica é lingüisticamente diversa, ten unha historia demográfica complexa e é única entre as rexións europeas por ter un período de séculos de dominio musulmán”.

Ademais dos patróns a grande escala identificados, nalgunhas rexións como Galicia foi posible identificar grupos de individuos xeneticamente similares en escalas moito máis precisas –de menos de 10 quilómetros de distancia nalgúns lugares-, como ao longo do vales dos ríos. Estas agrupacións tan localizadas predín a probable existencia de mutacións raras localizadas xeograficamente, incluídas as causantes de enfermidades. En opinión de Ángel Carracedo "as extensas diferencias xenéticas observadas a pequena escala en Galicia poderían explicar porque algunhas enfermidades con compoñente xenética parecen concentrarse en áreas concretas”. O traballo contou co financiamento do Wellcome Trust e o Fondo de Investigación Sanitaria e está asinado ademais por Ceres Fernández Rozadilla, Clara Ruiz Ponte e Inés Quintela García.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 02.01.2019.